Amosando publicacións coa etiqueta exilio. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta exilio. Amosar todas as publicacións

xoves, 27 de outubro de 2016

Exposición: Exilio e Deportación

Exposición sobre a historia dos republicanos españois, obrigados a exiliarse en Francia a finais da Guerra Civil, e despois deportados aos campos de concentración nazis. A exposición forma parte da homenaxe tributada pola Asociación Cultural Monterrei, Cultura e Territorio a Joaquín Balboa, deportado a Mauthausen, en agosto do 2016, e está baseada na súa experiencia e, secundariamente, na de Antonio Pérez e as mulleres republicanas membros da Resistencia en Francia, deportados a Buchenwald e Ravensbrück. Consta de 14 paneis en cartón pluma de 80x60, moi fáciles de transportar e colgar, e está a disposición dos centros educativos e culturais. Para solicitala, escribir ao correo poroxas@gmail.com.  

Exilio e deportación by eladioanxo on Scribd

xoves, 18 de xuño de 2015

Nombres para el recuerdo. Libro memorial. Españoles deportados a los campos nazis (1940-1945)

Vídeo da UNED emitido na 2, baseado no traballo Libro memorial. Españoles deportados a los campos nazis (1940-1945) obra de Benito Bermejo e Sandra Checa, editada polo Ministerio de Cultura no 2006, onde se recollen os datos coñecidos dos republicanos vítimas do terror fascista. http://pares.mcu.es/Deportados/servlets/ServletController

mércores, 17 de xuño de 2015

A imaxe do exilio

A IMAXE DO EXILIOJoaquín tomou o camiño do exilio cando as tropas franquistas entraban en Cataluña, Barcelona caeu o 26...

Posted by Joaquín Balboa e Antonio Pérez, de Monterrei a Mauthausen on Mércores, 17 de Xuño de 2015

xoves, 2 de xaneiro de 2014

Los surcos del azar, de Paco Roca. IMPRESCINDIBLE


A noite de fin de ano tocoume pasala la casiña de Pontepedriña, e non foi mala noite grazas ao magnífico cómic de Paco Roca, que me atrapou e non puiden deixar de lelo ata a madrugada.
É un cómic de Historia, pero sobre todo é unha gran historia. Trata do exilio español durante a II Guerra Mundial, centrándoo nos recordos de Miguel Ruíz, anarquista que, no tempo presente do relato, vive en Francia. Ata a súa casa acude o propio autor para coñecer o seu pasado.
A mestría de Roca consegue crear unha historia de vida, unha biografía entrañable, fascinante, mesmo intrigante. Unha vez máis, o autor de obras imprescindibles como Engurras ou El invierno del dibujante, é quen de crear personaxes cheos de humanidade, con entidade propia, facilmente recoñecibles, próximos e atractivos. É isto ocorre non só co protagonista, senón tamén cos secundarios coma o veciño de Miguel na actualidade ou cos compañeiros que viviron con el o drama do exilio e da II Guerra Mundial. Para min esta é o principal valor de Roca, a capacidade, só ao alcance dos elixidos, para construír personalidades auténticas coas que é imposible non sentir empatía e simpatía. O que tamén nos ocorre cando o propio autor se converte nun personaxe máis, como acontece neste cómic ou no divertidísimo Memorias de un hombre en pijama.
O que, desde o meu punto de vista, fai desta banda deseñada algo excepcional na brillante carreira de Paco Roca é o ritmo narrativo. Consegue o tempo exacto en cada momento para poñernos a bailar, con suavidade, ata o final. E, ao rematar, laiámonos porque deixou de soar esa melodía perfecta. A limpeza do debuxo e o poder evocativo do texto encaixan coma unha luva no noso maxín. O contacto coa realidade pasada é doado, porque (ao igual que Albert e seus fillos) o que conta Miguel é tan emocionante que non podemos ficar indiferentes.

Coñecer e comprender as aspiracións e vivencias dos exiliados republicanos é fundamental para a nosa dignidade como pobo. Desde as palabras de Antonio Machado que dan título a obra: ‘Para que llamar caminos a los surcos del azar’, non hai páxina que non sexa unha homenaxe reivindicativa, xusta e necesaria dos homes e mulleres que non renunciaron aos seus ideais a pesar do maltrato sufrido polos fascistas (non só os franquistas), e o desprezo e o esquecemento dos propios aliados. Coñecer e recoñecer a súa loita debe ser un orgullo para os españois de hoxe, aínda que moitos aínda prefiran a herdanza vergonzosa do nacionalcatolicismo.
Paco Roca consegue tamén, a partir dun enorme traballo de documentación, transmitirnos a verdade do vivido por eses homes, unindo realidade e ficción, pero sen caer no aburrido academicismo ou na obsesión polos datos. Afástase do panfletario (non eran santos, claro!) e da hipocrisía do politicamente correcto. Ninguén é perfecto pero os grandes cabróns, nocivos para a humanidade, eran os fascistas, e os grandes traidores á democracia foron a chamada Francia Libre e as potencias aliadas, que utilizaron aos republicanos españois na ‘liberación’ de Francia, pero deixaron que Franco se consolidase no poder en España. A gran frustración de Miguel e seus compañeiros de La Nueve, obrigados a renunciar aos seus ideais para seguir vivindo... desenganados e amargados.
Todo se resolve de xeito maxistral e sorprendente, como en todas as boas historias, o enigma de Miguel non era, nin máis nin menos, cunha historia de amor. Pura vida. En definitiva, unha banda deseñada de obrigada lectura, magnífica pola súa execución e pola súa finalidade, que nos permite aprender entreténdonos. Unha auténtica lección.

Documental: La nueve

domingo, 23 de decembro de 2012

Mauthausen, el deber de recordar

Magnífico e estarrecedor documental, emitido polo estrañado programa Línea 900 no ano 2000, no que algúns dos españois superviventes da barbarie nazi, recordan o que foi aquel campo de exterminio, onde faleceron uns 7.000 españois republicanos. En memoria das vítimas e unha lección para o futuro.

xoves, 8 de marzo de 2012

Mariví Villaverde


Naceu en Vilagarcía de Arousa en 1922. Filla do deputado Elpidio Villaverde. Era aínda unha nena cando sofre o seu primeiro exilio. Marchou coa súa familia para Francia, onde xa estaba o seu pai a finais do ano 1936. Nese primeiro exilio, de preto de tres anos de duración, coñeceu a Ramón de Valenzuela. En outubro de 1939 embarcou cara a Bos Aires, xunto coa súa familia.
Tardou cinco anos en volver a ver a Ramón de Valenzuela, incomunicado neste tempo en cárceres e campos de concentración. A parella reencontrouse no ano 1945 para casar. Pensaban vivir en Galicia pero en 1949 tiveron que exiliarse a Bos Aires. Alí traballou no Teatro Galego da Federación e dirixe xunto con Arturo Cuadrado o xornal "Galicia". Regresou novamente a España en 1966.
“Dezasete anos durou o meu segundo exilio en Bos Aires. Era o primeiro en América de Ramón e dos nosos dous fillos nacidos na terra, que deron naquel mundo novo, acolledor e case sempre xeneroso. Alí onde tantos galegos, antes e mesmo despois, formarían o seu fogar e, fieis ás súas raíces, lograran crear sociedades que mantiñan vivo o espírito de Galicia” escribe Mariví Villaverde en Tres tempos e a esperanza.
Ao seu oficio como escritora, tradutora e xornalista, tamén como actriz e impulsora do teatro, uniuse nos últimos anos o seu traballo no Consello pola Memoria e, desde o seu regreso, na lembranza da cultura do exilio.
Xa con máis de oitenta anos seguiu partipando en todos os movementos sociais, nas reivindicacións en favor da lingua, contra a guerra e polo Prestige.