Resulta case imposible que
unha noticia chame a nosa atención na morea de sucesos e (des)información que
recolle a prensa. E máis se falamos de inmigrantes africanos. Desde 1988
téñense contabilizado máis de 20.000 mortos no intento de entrar en España. As
vítimas reais seguro que son moitas máis. Pateras, caiucos, 'asaltos' aos muros
da vergonza de Ceuta e Melilla, 'sen papeis', forman parte xa da rutina asumida
polos espectadores do telexornal, sen ter provocado máis que unha fugaz
compaixón nas nosas conciencias. Só unha minoría organizada en ONGs ten
reaccionado con dignidade (con humanidade) ante unha política centrada no peche
das fronteiras e na represión. A maioría xustifica (ou pecha os ollos) ante a
barbarie 'civilizada'. Man de obra barata si, pero con moderación.
Hoxe, que o paraíso
capitalista europeo se cambalea, segue o drama. A noticia que motivou este
artigo foi a expulsión dos inmigrantes que chegaran á Isla de Tierra. Unha
máis, pero que é paradigmática de como se ten afrontado a migración africana. E
tamén, despois de Perejil e a súa particularmente ridícula guerriña do 2002,
descóbrenos o absurdo vestixio do colonialismo polo que os patriotas están
dispostos a matar. Como ese panedo con bandeira, pero sen cabras, que o único
bonito que ten é o nome, a 100 metros da costa marroquí, escenario dunha triste
comedia entre os gobernos de España e Marrocos. Unha vez máis, as persoas
inocentes, desesperadas, chegadas do Sur, foron as vítimas do estúpido xogo
patrioteiro.
As autoridades marroquís usan
aos inmigrantes, aos que maltratan acotío, para crearlle problemas ao goberno
español nas chamadas prazas de soberanía, que reclama. Deixaron que os inmigrantes
chegaran ao illote; o goberno español, que se considera democrático (e católico?)
non só nunca considerou axudar nin acoller aos inmigrantes, senón que incumpriu
as súas propias leis, negociando con Marrocos (algo lle darían), apresando aos
inmigrantes-inimigos e entregándoos á policía marroquí, que os abandona no
deserto. Para o goberno español todo o operativo 'foi un éxito'. Como se pode
ser tan indecente!
Só queda o esquecemento, ata a
próxima traxedia. Semella inxenuo, pero é imprescindible lembrar que son seres
humanos, que todos temos os mesmos dereitos, que estas actuacións condenan á
morte e a grandes sufrimentos a aqueles que só buscan sobrevivir. Poñámonos no
seu lugar. Ou só somos uns vulgares turistas na Terra?
Ningún comentario:
Publicar un comentario