domingo, 30 de setembro de 2012

A Semana Tráxica: Ramón Clemente


Hai cen anos, entre o 26 e o 31 de xullo de 1909 Barcelona estivo en mans dos traballadores, de maioría anarquista. Foi a Semana Tráxica. Cando o Goberno de Maura se fixo de novo co control da cidade foron executadas cinco persoas. Entre elas Ramón Clemente García, un carboeiro deficiente, acusado de ter bailado coa momia dunha monxa desenterrada polos sublevados.

Todo comezara cando a rebelión dos rifeños na colonia española do norte de Marrocos levou ao Goberno a ordenar a mobilización dos reservistas para protexer as minas. Eran homes con familias que manter, que xa fixeran o Servizo Militar por non poder pagar a redención (só as clases traballadores ían á mili).

O 11 de xullo comezou o embarque das tropas en Barcelona e as protestas estendéronse por toda a cidade e a outros puntos de Cataluña, mentres as damas da aristocracia repartían medallas e escapularios. Os sindicatos deron orde de paro xeral e as protestas estendéronse pola cidade e outros puntos de Cataluña.

A Igrexa, cómplice do poder, foi obxecto dos principais ataques. Tres sacerdotes foron asasinados e destruíronse sesenta igrexas e conventos. No convento das Magdalenas foron desenterradas momias de monxas, para desgraza do infortunado Ramón. Houbo máis de 100 mortos, centos de feridos e 2.000 detidos.

O Goberno centrou a represión nos anarquistas. O fundador da Escola Moderna, de tendencia laica e anarquista, Ferrer i Guardia, foi executado a pesar da forte campaña internacional, que acabou facendo caer ao Goberno de Maura. Outros dos executados foi Ramón Clemente, interpretado por Serrat na película La ciutat cremada (1975-76), que narra os acontecementos históricos ocorridos en Barcelona entre 1899 e 1909.

A proclama da Asemblea Obreira de Tarrasa, redactada cinco días antes de estalar o conflito non ten desperdicio:

Considerando que a guerra é unha consecuencia fatal do réxime de produción capitalista; considerando, ademais, que, dado o sistema español de recrutamento do exército, só os obreiros fan a guerra que os burgueses declaran. A Asemblea protesta enerxicamente:
1.- Contra a acción do Goberno español en Marrocos.
2.- Contra os procedementos de certas damas da aristocracia, que insultaron a dor dos reservistas, das súas mulleres e dos seus fillos, dándolles medallas e escapularios, no canto de proporcionarlles os medios de subsistencia que lles arrebatan coa marcha do xefe de familia.
3.- Contra o envío á guerra de cidadáns útiles á produción e, en xeral, indiferentes ao triunfo da cruz sobre a media lúa, cando se poderían formar rexementos de curas e de frades que, ademais de estar interesados no éxito da relixión católica, non teñen familia, nin fogar, nin son de utilidade algunha ao país..."
E compromete á clase obreira a concentrar todas as súas forzas, por se tivera que declararse a folga xeral para obrigar ao Goberno a respectar os dereitos que teñen os marroquís a conservar intacta a independencia da súa patria.
Tarrasa, xullo de 1909

Ningún comentario: