Sentido e interesante artigo do meu apreciado compañeiro. Unha mostra máis do desleixo estúpido con que tratamos o noso patrimonio cultural. A nosa verdadeira riqueza.
Xosé M.ª Lema Suárez 26 de setembro de 2012 05:00. La Voz de Galicia
Nove
imaxes barrocas roubadas nas igrexas de Nande e Traba (Laxe). San Simón de
Nande queda practicamente sen santos: unha igrexa espida. A historia repítese e
unha das causas pode ser o abandono crecente das casas reitorais tralo
falecemento dos párrocos vellos. A principios dos anos noventa o párroco actual
de Laxe notificárame a desaparición dunha imaxe de san Xosé da sancristía da
súa igrexa, a de Laxe (non a de Nande); tamén era barroca, aínda que non tan
antiga, e desaparecera no período comprendido entre a morte do párroco anterior
e a súa toma de posesión. El decatárase da ausencia porque a vira catalogada na
obra A Arte Relixiosa na Terra de Soneira (1993).
Polo
que lin en La Voz, agora sospéitase que os ladróns atoparon copias de chaves
das igrexas na deshabitada casa reitoral de Matío (Nande), o que lles permitiu un
acceso doado aos templos. Non sei qué estará esperando o Arcebispado de
Santiago para tomar dunha vez medidas para evitar o expolio do seu patrimonio
relixioso, artístico e documental (¡cantos arquivos se levan perdido xa!) Non
entendo como se deixan arruinar as casas reitorais, de tan boa feitura
-algunhas parecen pazos fidalgos-, podéndoas rehabilitar e aproveitar, por
exemplo, para o turismo rural. Así a Igrexa tería uns bos ingresos para
autofinanciarse.
En
fin, lamento na alma o roubo das esculturas relixiosas de Nande e Traba, máxime
cando iso se puido evitar se non se deixase no abandono a casa reitoral de
Matío. ¡Que tristeza dá ver en La Voz, na foto de José Manuel Casal, o retablo
barroco de san Roque de Nande despoxado dos seus santiños! Retablo e imaxes de
case 300 anos de antigüidade, obra dun anónimo artista compostelán -da escola
de Mateo de Prado- entre 1720 e 1726. As súas imaxes eran -son- do melloriño do
estilo barroco de todo o arciprestado; en particular, a figura de san Roque,
que engaiolaba pola súa grande expresividade, co dedo ergueito cara á súa boca
entreaberta que parece estar chamando a atención ao anxo regordete que camiña
aos seus pés sinalando a ferida da súa coxa (lémbrese que san Roque era o
avogado contra a peste). A Inmaculada -que segue a tipoloxía creada polo
escultor andaluz Alonso Cano-, o san Xosé e o san Gregorio tamén son dunha
feitura moi coidada; nas súas vestiduras chama a atención o seu rico cromatismo
e as acartoadas dobras, case metálicas. Non estou a falar a touro pasado: entre
as páxinas 352 e 358 do tomo III da obra citada xa destacaba a notable calidade
destas figuras.
Algúns
poden opinar que a publicación destes estudos poden ser boas pistas para os
ladróns. Certo director xeral do Patrimonio, dicía, para xustificar a súa
negativa a subvencionar escavacións arqueolóxicas, que «o mellor xacemento é o
que non se escava». Un quietismo que nos condenaría a seguir vivindo na
Prehistoria. Fronte a este inmobilismo paralizante opino que mesmo foi mágoa
non se tivesen feito postais das imaxes roubadas para así seren máis coñecidas,
pois isto sería un bo antídoto contra os cacos. Na Bretaña francesa hai moitas
igrexas rurais abertas determinadas horas do día para o turismo, e nelas
véndense guías e postais coas fotos dos seus rústicos santiños. O que hai que
facer é colocar bos sistemas de alarma nos templos e santuarios, cousa que
desde logo non se ve moito.
Ademais
da policía, a dirección xeral de Patrimonio Artístico da Xunta de Galicia tamén
terá que tomar cartas no asunto, pero como sexa coa calma que se toman, por
exemplo, para protexer o Cruceiro dos Santos (Bamiro-Vimianzo), xoia gótica en
pedra do século XV ou XVI, imos aviados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario