martes, 11 de setembro de 2012

Héitor Picallo, gañador do Reimóndez Portela

Pego abaixo unha entrevista en Terras de Santiago con Héitor Picallo, un rapaz de Cuntis ao que tiven a sorte de coñecer e co colaborei en distintas actividades cos rapaces do CPI Don Aurelio. Unha persoa sensible e traballadora á que ningún aspecto da cultura lle é alleo. Un verdadeiro humanista galego que non só merece o noso recoñecemento polo que sabe, senón tamén pola súa absoluta implicación na difusión da cultura galega (é dicir, da cultura universal) e na posta en valor e conservación do patrimonio, moitas veces a través da Asociación O Fervedoiro. Noraboa!!

GAÑADOR PREMIO MANUEL REIMÓNDEZ PORTELA

Héitor Picallo: “Este premio é un traxe demasiado grande”

“Seleccionei catro artigos. Un trataba da desaparición do ‘Galicia Hoxe’, que era como a miña casa; outro, da conciencia lingüística como galegos; e tamén fixen un da historia compostelá de Diego Xelmírez”

Héitor Picallo - FOTO: Correo TV
Héitor Picallo - FOTO: Correo TV

SANTIAGO. SILVIA CASTIÑEIRAS  | 21.08.2012 

Héitor Picallo, gañador do premio de xornalismo Manuel Reimóndez Portela. Colaborador desta casa, no xa desaparecido ‘Galicia Hoxe’, recibiou este galardón por catro artigos  publicados no ‘Diario de Arousa’.
 –Cóntanos esa experiencia.
– Eu colaborei con El Correo Gallego bastante tempo, sobre uns tres anos todos os domingos. Paralelamente tamén colaboraba co Diario de Arousa, os meus artigos eran maiormente sobre arquitectura, sobre todo desaparecida, edificios antigos  pero tamén me tiraba moito o tema lingüístico,  o tema da conciencia social, conciencia lingüística, do que somos como sociedade, como pobo con idioma diferenciado. Tamén tiña publicado algunha cousiña no Galicia Hoxe sobre este tema, pero foi no Diario de Arousa onde me centrei máis nisto. Seleccionei catro artigos que un deles era en relación coa desaparición do Galicia Hoxe, que era como a miña casa, con persoas inmensas. Escribín despois sobre o tema de se somos galegos é por algo e cómo tes conciencia lingüística e polo tanto actúas consecuentemente con isto e outro dos artigos foi  vinculado coa historia compostelá de Diego Xelmírez. Lendo a edición do Padre Flórez en latín e comparándoa coa que é en castelán deime conta que había aí un coñecemento social, é dicir, a propia sociedade de Xelmírez consideraba que o idioma que falaban non era latín, que era outra cousa. que era o seu propio e a partir de aí escribín un texto que o parecer tivo boa prensa.
–  Que foi o que o impulsou a  presentar eses artigos ao premio?
– Colaborar e divulgar, ademais no premio Reimóndez Portela foron galardonadas persoas moi importantes dentro das letras, eu digo vacas sagradas con todo o cariño do mundo porque se empezas con Araguas, Fernandez Rey, tes a Lema Suárez que hai dúas edicións que foi gañador. Eu comento moitas veces que este premio a min resúltame algo grande, un traxe demasiado amplo para mín, pero bueno, non sei se soou a frauta ou gustou o artigo, pero para mín impulsoume iso, as ganas de dicir que escríbense cousas que ó mellor por ser un medio máis humilde igual non ten tanta trascendencia pero o fas con todo o cariño do mundo e con todo o amor.
–  Quedou sorprendido entón por ese recoñecemento?
–Eu bastante, primeiro son as persoas que gañaron. que son xente moi destacadas dentro das letras galegas. No meu caso creo que son o máis novo dos que recibimos este premio, e sobre todo é un premio sobre normalización lingüística. A parte leva un nome dunha persoa que dentro da Estrada é entrañable, que non coñecín por desgracia pero sí que coñecín parte das cousas que escribía, a Estrada rural por exemplo, investigacións que facía sobre glitografía, signos lapidarios e signos de canteiros e despois algunhas xornadas que se fixeron sobre él en relación co médico rural, porque el era médico, de pobres, pero era galego falante, escribía, investigaba en galego e tiña esa cousa estrana entre letras e ciencias que é o que a min me tira.
– Que lle parece que se creara ese premio en torno a figura de Reimóndez Portela, que ademais é un premio único en Galicia con esas características porque potencia o uso do galego?  
– A min paréceme importantísimo que a lingua non quede relegada únicamente ao ámbito exclusivamente cultural, a normalización ten que ser algo máis que cultura ou a inauguración de calquera evento ou edificio, é dicir de quedar ben diante das cámaras. Para min defender o galego é defendelo en todos os ámbitos no aspecto que ti estás dentro de teu campo e estás utilizando o galego como lingua vehícular ou incluso dentro da propia investigación. A parte Reimóndez Portela, que tiña un trato moi directo coa sociedade, que investigase en galego sendo unha persoa de ciencias é moi valioso.
-– Reimóndez Portela era médico e ti enxeñeiro naval,  de onde sae esa vea literaria?
– Non o sei, a mín sempre me gustou ler, de pequeno sempre lle botaba olladas ós libros, aínda que fora ás fotografías, sempre me encantou a historia, moitísimo. Aínda así, fun por ciencias puras, estudei aquí en Santiago, e despois a Historia era a miña paixón, paralelamente ó galego. Empecei a escribir case por un cabreo, porque do meu pobo, de Cuntis non se escribía case nada, despois escribíase moito en castelán pouco en galego. E pensei, se o fago ben, perfecto, se non o fago ben é a miña forma de contribuir.
– Sobre que temas especiais lle gusta máis escribir?
– Fundamentalmente historia, gústame moitísimo sobre todo historia medieval, arquitecturas, castelos, pero desaparecidos, o sea facer músculo cerebral e a partir de documentos antigos  ou distintas bibliografías, intentar reconstruir un edificio que  a día de hoxe non podes percibir. Eu, no Galicia Hoxe, por exemplo, escribía versos para unha arquitectura extinguida e ía diso, por exemplo, un castelo que había no monte Pindo que non sabemos nada de el, intentar reconstruir a súa planta, número de torres, etc.. e a outra parte é escribir sobre o Mar, que é o que me une na parte de ciencias.
– Ademais de artigos e colaboracións en prensa tes outras publicacións, Que é o que che gusta máis os xornais, os libros?
– Eu son fanático do ensaio, sobre todo ler algo e levar a lección aprendida e sacar conclusións. Quizais a prensa dache certa liberdade que non che da o ensaio, na prensa tes ese espazo que as veces pode ser malo porque dis, quedeime escaso, pero ás veces axuda a que condenses todas as ideas e que as vertas dunha forma ordenada, lóxica, coherente. No ensaio tes un campo máis amplo, pero o xornal é complicado pero é gratificante, faiche facer un exercicio mental de condensación de datos.
–  A caricatura tamén se lle dá bastante ben, non?
– A min pásame que son algo un bicho raro, sempre me gustou  aprender cousas distintas polo simple feito de aprender e porque me apetecía. A caricatura gústame polo feito de resumir todos os trazos dunha persoa en catro ou cinco liñas.
– En canto ao público, A quen che gusta dirixirte?
– Encántame os nenos pero son moi dificiles, ou os divirtes ou se derrumban, pero son moi gratificantes.
PERFIL
 Naceu o 18 de outubro de 1974 na vila do Baño, en Cuntis.
 Fixo  a carreira de Enxeñería técnica naval en Ferrol, na rama de estruturas mariñas. Colaborou durante tres anos no xornal Galicia Hoxe, no suplemento dos domingos ‘Lecer’. Ademais de facer artigos para o Diario de Arousa e noutros xornais como o Diario de Pontevedra.
 É amante da lectura sobre todo gústalle investigar sobre o mar e é moi aficionado a arquitectura e aos temas arqueolóxicos. Ademais gústalle o debuxo e está facendo un dicionario infantil para os máis cativos.

Ningún comentario: