O 3 de outubro, a
asociación de historiadores á que pertenzo, Sine Nomine, inaugurou a exposición
Vivir da terra. A loita do campesiñado galego (1925-1975), na biblioteca Ánxel
Casal, onde permanecerá ata o 2 de novembro, xunto cunha mostra bibliográfica.
A mostra, realizada
con criterios didácticos, é o resultado da colaboración entre o proxecto de
investigación “Mobilización política e conflitividade social nun contexto de
grandes cambios: a Galicia rural durante o tardofranquismo e a transición (1960
– 1982)”, dirixido polo profesor Daniel Lanero Táboas, da USC e a Asociación
Sine Nomine, de Profesores/as de Ensino Secundario.
Despois duns paneis
xerais que percorren a situación do campo ao longo do século XX a exposición
céntrase na mobilización social e política que tivo lugar na Galicia rural nos
últimos anos do franquismo e na transición, procurando rachar coa imaxe de
inmobilismo e atraso coa que acostuma vincularse ao mundo agrario galego
A exposición é froito
da traballo colectivo do grupo de profesores que formamos Sine Nomine, seguindo
o mesmo modelo doutras realizadas anteriormente. Despois da selección e reparto
dos contidos buscamos imaxes representativas e facemos unha intensa labor de
síntese para rematar deseñando os paneis nos que o texto, breve, e as imaxes,
teñen un peso similar. A excelente maquetación é obra de Noemí Canal.
Procuramos unha información relevante e atractiva que atraia aos destinatarios,
o alumnado de ESO e Bacharelato.
Esta exposición, e as
anteriores (II República, Vida Cotiá no franquismo, Mulleres que emigran, Vida
cotiá na Transición), están a disposición dos centros educativos, culturais e
das asociacións veciñais na Fundación 10 de Marzo: http://www.f10m.org/exposicions.
Ningún comentario:
Publicar un comentario