23-9-2008 (do antigo Caladiños)
Despois dun
longo período no que fixen honor ao nome do blogue, por fin me sacudo a
preguiza e abro unha nova etapa coincidindo co comezo do curso. Un novo curso
que principio con moitas ganas de facer cousas, coa ilusión de convivir con
novos alumn@s e vell@s compañeir@s. Aos meus anos, que non son moitos eh!,
pensei que xa entrara na desidia funcionarial que ultimamente me
ameazaba.
Como mostra
desa motivación renovada abro unha nova Categoría en Caladiños destinada a falar
de Educación, é dicir do meu traballo. Un traballo que para min e para moitos
dos meus amigos non é unha penitencia nin unha paréntese. É unha parte moi
importante da nosa vida á que nos diriximos case todos os días con alegría e
expectación. Unha expectación motivada pola perspectiva de aprender e ensinar.
Cos ollos
abertos, con crítica e autocrítica, conseguimos aprender a ser mellores persoas
compartindo ese espazo máxico, e ás veces surrealista, que é a escola, con eses
rapaciñ@s que nunca medran. Eu estou seguro de que aprendo, o que non teño tan
claro e se eles e elas aprenden comigo, pero quero pensar que si. Si, o esforzo
e as ganas é imposible que non consigan un resultado positivo, aínda que sexa
pequeno. Un resultado que temos que valorar máis polas actitudes que polos
coñecementos curriculares, aínda que isto é moi difícil de calibrar. O que está
claro, por exemplo, é que preferimos aprenderlles a respectar e axudar aos seus
compañeir@s, que a saber a lección do libro de texto, non?
Única, como todas as demais é unha frase que collín
do cómic María y yo (Editorial Astiberri),
de María e Miguel Gallardo. Esa é a frase coa que define
Miguel a súa filla autista, María. É dos poucos libros que me ten emocionado. O
creador do extravagante macarrilla Makoki consegue, sen melindres nin
sentimentalismos, que coñezamos e queiramos a súa filla, á vez que nos pon ante
o espello dos nosos prexuízos.
Únicos, como
todos os demais, son os nosos alumnos e alumnas e así debemos de intentar
coñecel@s, entendendo, ao igual que nos contan no cómic, que todos os seus
actos teñen unha razón, un sentimento. Comprendéndo@s seguro que traballamos
mellor e gozamos máis da súa compañía.
Ningún comentario:
Publicar un comentario