Gerda Taro, Robert Capa 1937 |
Gerda Taro naceu en Stuttgart en
1910, co nome de Gerta Pohorylle, de familia xudía. O triunfo do nazismo nas
eleccións de 1933 provocou a súa fuxida de Alemaña, refuxiándose en París, onde
se integrou en ambientes intelectuais de esquerdas. No ano 1934 coñeceu a André
Friedman — máis adiante Robert Capa—, iniciando unha
relación persoal e profesional. En 1936 decidiron cambiar os seus nomes.
A parella
adícouse á fotografía. En agosto de 1936 viaxaron a Barcelona, pouco despois do
levantamento militar, e cubriron a Guerra Civil fotografando os mesmas
situacións e lugares. Durante moito tempo as fotos dos dous se publicaron e
venderon baixo a sinatura común de ‘Capa’. A partir de 1937 fixo reportaxes
pola súa conta e o sinatura pasou a ser ‘Capa & Taro’, ata chegar a ser só ‘Taro’.
Fotografou
os cambios que se produciron na sociedade barcelonesa durante a guerra, os
milicianos, os nenos xogando entre as barricadas, as milicianas adestrándose na
praia (foto de abaixo); os campesiños preto da fronte de Aragón; a fuxida da
poboación no sur; o asedio de Madrid e a vida nas trincheiras; a batalla de
Guadalajara (na foto da dereita); as vítimas da guerra nun hospital de Valencia
e os orfos de Madrid; e os combates na ofensiva de Brunete onde atopou a morte
aos 27 anos o 1 de agosto de 1937.
A súa
carreira como fotógrafa só durou un ano e quedou ensombrecida pola figura da
súa parella persoal e profesional: o gran reporteiro Robert Capa. O feito de
fose unha muller atractiva (en todas partes de resaltaba que era unha “pequena
e fermosa muller”) e as circunstancias da súa morte (a primeira reporteira
morta en primeira liña de fogo) contribuíron a resaltas o anecdótico fronte ao
valor da súa obra. Despois da II Guerra Mundial moitas das súas fotos foron
atribuídas a Capa, ou esquecidas.
As súas
fotos foron cada vez máis arriscadas, ‘desde dentro, como dicía Capa. O perigo
que corría debíase ao desexo de reporteira de conseguir as mellores e máis
ousadas imaxes, pero tamén era a mostra da súa militancia antifascista,
sentindo a loita da República como propia. As súas fotos son un manifesto, unha
toma de posición. Como di o autor da súa biografía titulada La sombra de una
fotógrafa, François Maspero “...todo nela é política. A súa vida, o seu
comportamento, as súas fotos. Política no sentido máis amplo e máis xusto, que
é sentirse concernida polo seu tempo. De vivirse como suxeito e non só como
obxecto. Suxeito da Historia e suxeito da súa propia historia”.
A súa figura
é un exemplo de como a historia das mulleres ten sido ocultada. O único que importaba
de Gera era que vivira e traballara cun home famoso, o seu atractivo físico e a
traxedia da súa morte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario