xoves, 18 de outubro de 2012

A Clase, de François Bégaudeau

A clase é un libro publicado por Xerais que acadou moita sona despois de que a película homónima conquerise a Palma de Ouro no Festival de Cannes 2008. O seu autor, François Bégaudeau, é un home polifacético, ademais de profesor de Lingua Francesa é xornalista deportivo, escritor, cantante e actor. El mesmo interpretou a película premiada en Cannes. Esta é a súa terceira novela, publicada en Francia no 2006 co título orixinal de Entre le murs, moito máis acaído co seu contido co pouco significante de A clase.
Cóntanos a propia experiencia de François como profesor nun instituto de Secundaria dos arrabaldes de París. A narración é crúa, descarnada. Aparentemente non sucede nada, pero alí se manifestan todos os problemas de convivencia entre os membros dunha comunidade educativa multicultural, asfixiada entre os muros que limitan o espazo do centro. Non hai acción, non hai progreso, só se nos presentan unha serie de escenas que discorren entre a aula, o patio e a sala de profesores.
Non é fácil de ler, porque estamos acostumados a novelas cun comezo, un desenvolvemento e un desenlace. Aquí non, aquí só hai pequenas historias, cun punto de vista moi persoal. O autor escribe a través dos seus propios ollos e sentimentos, nunha especie de diario sen concesións. Nada resulta divertido nin fascinante, nada nos intriga nin nos entretén. E isto é todo o que ocorre entre os muros dun colexio? Non, non só.
A pesar do pesimismo e do aburrimento 'funcionarial' que destila o libro, a min resultoume moi interesante e evocador. Lembroume moitos dos momentos que eu mesmo vivín, e vivo, no meu traballo. Púxome en alerta sobre o perigo de caer na cómoda frustración: 'con este/s alummo/s non hai nada que facer, eu non podo facer nada, a culpa é do sistema e da sociedade, dos pais'. Nunca tiven alumnos con tantas dificultades de integración e de aprendizaxe coma os de François, pero eu tamén teño pasado, ás veces, máis tempo procurando manter a orde e a atención na clase que transmitindo coñecementos. Cala! Atende! Senta! Fai as actividades! Falta de orde! son exclamacións máis habituais do que sería desexable nunha aula.
En cantas ocasións 'temos durmido mal' e agudizamos os conflitos co alumnado enfrontándonos a eles como se nos ofenderan persoalmente, esquecendo que nós somos os profesores! Cantas veces, por cansazo e/ou impotencia, recorremos aos regulamentos legais para aplicar sancións, que máis que cambiar actitudes serven só para tapar a nosa incapacidade e o noso fracaso como educadores!
A min, as escenas que me pareceron máis ilustrativas foron as da sala de profesores. Aí condénsase o fracaso, nun grupo de persoas simples, fartas de trasfegar co alumnado, sen ilusión, sen ganas nin coñecementos para mellorar o seu traballo, que só teñen en común o espazo que comparten unhas horas ao día. De que falan os profesores? Falan mal dos que eles consideran malos alumnos, da estúpida burocracia, de que non funciona a fotocopiadora, das vacacións, dos castigos... Non falan de como mellorar a convivencia e o ensino, diso a penas hai nada que dicir porque xa se renderon.
Kantara era a seguinte na lista. As opinións comezaron a correr ao longo das mesas en forma de U. -Un trimestre para nada. -Non fai nada, pero nada de nada. -Sobre todo é o comportamento. -É insoportable. -Pasa o tempo a falar seguido. (...) -Daquela que facemos? Advertímolo? Unha aprobación colexiada percorreu a mesa en forma de U e o director agarrou o seu bolígrafo. -Advertencia en traballo ou en conduta? A mesa dividiuse de novo. -Traballo é o mínimo. -Si, traballo. -E conduta tamén. -Si, conduta, é o mínimo. -Traballo e conduta, xa está. O bolígrafo do director estaba suspendido riba do boletín. -Advertencia en traballo e advertencia en conduta? Unha aprobación colexiada percorreu a mesa e o bolígrafo caeu sobre o boletín. -Advertencia en traballo e en conduta, anotado. Pasamos a Salimata.
Pero eses mesmos profesores son quen de organizar unha colecta e acudir a un xuízo para axudar a familia dun alumno. Porque, entre as persoas que formamos ese mundo surrealista que é un centro educativo, pasan un montón de cousas positivas, cheas de bos sentimentos, froito dunha aprendizaxe compartida. A clase é un bo libro, orixinal, que todos aqueles interesados en coñecer o que acontece detrás dos muros debería ler, pero que non conta toda a realidade. Moitos de nós erguémonos pola mañá sentíndonos uns privilexiados, contentos de poder ensinar, con gañas de aprender e mellorar e, sobre todo, capaces de botar máis dunha risa cos alumnos e cos compañeiros.

2 comentarios:

Manuel dixo...

Cala! Atende! Senta! Fai as actividades! Falta de orde!

Tí tamén, Heladio!: Non o podo crer! : ))

(Apúntome o libro)

Unknown dixo...

En realidade, Manuel, este é un artigo de hai anos, do vello Caladiños. Pero avisáronme de que o van dar de baixa e estou pasando aquí parte do seu contido. Pola tanto, iso que citas facíao no pasado, agora xa... nin iso. Saúdos