A clase é un libro publicado
por Xerais que acadou moita sona despois de que a película homónima conquerise a
Palma de Ouro no Festival de Cannes 2008. O seu autor, François Bégaudeau, é un
home polifacético, ademais de profesor de Lingua Francesa é xornalista
deportivo, escritor, cantante e actor. El mesmo interpretou a película premiada
en Cannes. Esta é a súa terceira novela, publicada en Francia no 2006 co título
orixinal de Entre le murs, moito máis acaído co seu contido co pouco significante
de A clase.
Cóntanos a
propia experiencia de François como profesor nun instituto de Secundaria dos
arrabaldes de París. A narración é crúa, descarnada. Aparentemente non sucede
nada, pero alí se manifestan todos os problemas de convivencia entre os membros
dunha comunidade educativa multicultural, asfixiada entre os muros que limitan o
espazo do centro. Non hai acción, non hai progreso, só se nos presentan unha
serie de escenas que discorren entre a aula, o patio e a sala de profesores.
Non é fácil
de ler, porque estamos acostumados a novelas cun comezo, un desenvolvemento e
un desenlace. Aquí non, aquí só hai pequenas historias, cun punto de vista moi
persoal. O autor escribe a través dos seus propios ollos e sentimentos, nunha
especie de diario sen concesións. Nada resulta divertido nin fascinante, nada
nos intriga nin nos entretén. E isto é todo o que ocorre entre os muros dun
colexio? Non, non só.
A pesar do
pesimismo e do aburrimento 'funcionarial' que destila o libro, a min resultoume moi interesante e evocador. Lembroume moitos dos momentos que eu
mesmo vivín, e vivo, no meu traballo. Púxome en alerta sobre o perigo de caer na
cómoda frustración: 'con este/s alummo/s non hai nada que facer, eu non podo
facer nada, a culpa é do sistema e da sociedade, dos pais'. Nunca tiven alumnos
con tantas dificultades de integración e de aprendizaxe coma os de François,
pero eu tamén teño pasado, ás veces, máis tempo procurando manter a orde e a
atención na clase que transmitindo coñecementos. Cala! Atende! Senta! Fai as
actividades! Falta de orde! son exclamacións máis habituais do que sería
desexable nunha aula.
En cantas
ocasións 'temos durmido mal' e agudizamos os conflitos co alumnado
enfrontándonos a eles como se nos ofenderan persoalmente, esquecendo que nós
somos os profesores! Cantas veces, por cansazo e/ou impotencia, recorremos aos
regulamentos legais para aplicar sancións, que máis que cambiar actitudes
serven só para tapar a nosa incapacidade e o noso fracaso como educadores!
A min, as
escenas que me pareceron máis ilustrativas foron as da sala de profesores. Aí
condénsase o fracaso, nun grupo de persoas simples, fartas de trasfegar co
alumnado, sen ilusión, sen ganas nin coñecementos para mellorar o seu traballo,
que só teñen en común o espazo que comparten unhas horas ao día. De que falan
os profesores? Falan mal dos que eles consideran malos alumnos, da estúpida
burocracia, de que non funciona a fotocopiadora, das vacacións, dos castigos...
Non falan de como mellorar a convivencia e o ensino, diso a penas hai nada que
dicir porque xa se renderon.
Kantara
era a seguinte na lista. As opinións comezaron a correr ao longo das mesas en
forma de U. -Un trimestre para nada. -Non fai nada, pero nada de nada. -Sobre
todo é o comportamento. -É insoportable. -Pasa o tempo a falar seguido. (...)
-Daquela que facemos? Advertímolo? Unha aprobación colexiada percorreu a mesa
en forma de U e o director agarrou o seu bolígrafo. -Advertencia en traballo ou
en conduta? A mesa dividiuse de novo. -Traballo é o mínimo. -Si, traballo.
-E conduta tamén. -Si, conduta, é o mínimo. -Traballo e conduta, xa está. O
bolígrafo do director estaba suspendido riba do boletín. -Advertencia en
traballo e advertencia en conduta? Unha aprobación colexiada percorreu a mesa e
o bolígrafo caeu sobre o boletín. -Advertencia en traballo e en conduta,
anotado. Pasamos a Salimata.
Pero eses
mesmos profesores son quen de organizar unha colecta e acudir a un xuízo para
axudar a familia dun alumno. Porque, entre as persoas que formamos ese mundo
surrealista que é un centro educativo, pasan un montón de cousas positivas, cheas de bos
sentimentos, froito dunha aprendizaxe compartida. A clase é un bo libro,
orixinal, que todos aqueles interesados en coñecer o que acontece detrás dos
muros debería ler, pero que non conta toda a realidade. Moitos de nós erguémonos pola mañá sentíndonos uns privilexiados, contentos de poder ensinar,
con gañas de aprender e mellorar e, sobre todo, capaces de botar máis dunha
risa cos alumnos e cos compañeiros.
2 comentarios:
Cala! Atende! Senta! Fai as actividades! Falta de orde!
Tí tamén, Heladio!: Non o podo crer! : ))
(Apúntome o libro)
En realidade, Manuel, este é un artigo de hai anos, do vello Caladiños. Pero avisáronme de que o van dar de baixa e estou pasando aquí parte do seu contido. Pola tanto, iso que citas facíao no pasado, agora xa... nin iso. Saúdos
Publicar un comentario