luns, 6 de xaneiro de 2014

Marina Ginestà, icona da Guerra Civil


Faleceu Marina Ginestá, cuxa foto de 1936, cando tiña 17 anos, se converteu nunha icona da Guerra Civil. A foto tirouna Juan Guzmán na terraza do Hotel Colón de Barcelona, convertido en sede das Juventudes Socialistas Unificadas.
A foto simboliza o orgullo da resistencia fronte ao levantamento franquista e do protagonismo das mulleres na mesma. Con uniforme de miliciana, cun fusil que nunca volveu coller nas súas mans e coa mirada limpa e decidida. Ao fondo, a cidade na que os traballadores socialistas e anarquistas ensaiaban a utopía revolucionaria, desaparecendo os traxes e sombreiros símbolos da burguesía.
Marina traballou en distintos medios republicanos durante a guerra: “Eramos periodistas e o noso obxectivo era que non decaera a moral, difundiamos a consigna de Negrín ‘con pan ou sen pan resistir’. E criámolo”. Había que manter viva a ilusión da vitoria cando a derrota xa semellaba inevitable.
A caída de Cataluña obrigouna a exiliarse en Francia, perdendo ao seu noivo no paso dos Perineos. Cando os nazis ocuparon Francia colleu un barco para a República Dominicana, desde onde tivo que volver fuxir, perseguida por Trujillo, en 1946. Nos anos sesenta regresou a Barcelona e desde hai corenta anos residía en París.
Da foto comentou: "Din que na foto do Colón teño una mirada arrebatadora. É posible, porque conviviamos coa mística da revolución do proletariado e as imaxes de Hollywood, de Greta Garbo e Gary Cooper".

Ningún comentario: