domingo, 3 de novembro de 2013

PROMISES


Este documental, estreado no 2001, filmouse entre 1995 e 1998, en Xerusalén, nun campo de refuxiados palestinos e nun asentamento de xudeus en Cisxordania. Os protagonistas son sete rapaces, catro israelís e tres palestinos, de entre 9 e 13 anos, que a través das súas palabras e xestos nos van facendo comprender e sentir como se pode vivir no medio da violencia que determina as súas vidas.
Os directores elixiron aos rapaces procurando que cada un deles fose o espello da postura dunha parte das súas sociedades. Esa elección pode ser cuestionada pero non se pode negar o seu valor pedagóxico. Así, podemos decatarnos de que as posicións dos dous bandos non son monolíticas, senón que mentres os integrismos irracionais non deixan lugar para a convivencia, a tolerancia e o desexo de vivir en paz están tamén presentes.
O documental déixanos innumerables palabras e imaxes que nos abraian de tan esclarecedoras. Palabras e imaxes que nos feren cando falan de odio sen concesións, pero que tamén nos fan sorrir cando falan de sentimentos, de xogos inocentes.
A principal lección que podemos tirar é que por riba da Historia, da política perversa e do militarismo ten que primar o desexo de vivir en paz. Hai que eliminar as aramadas que pechan e illan, superar os prexuízos e recoñecer aos outros como iguais. Isto é o que reflicte o filme, que a convivencia é posible, cando consegue poñer en contacto aos xemelgos xudeus cos nenos palestinos refuxiados.
Pero tamén nos presenta as enormes dificultades: non coñecen o idioma respectivo a pesar de vivir a só uns pouco quilómetros, teñen que entenderse en inglés (ou con eructos); adoutrínannos no odio; o medo a traizoar ao propio pobo; os checkpoints para os palestinos; a relixión como base da organización social e política; o drama do pobo palestino co Estado israelí se nega a recoñecer; a pobreza dos campos de refuxiados fronte ao benestar dos xudeus; as armas que forman parte da indumentaria cotiá; o sentimento secular de posesión da terra...
En definitiva, algúns dos protagonistas indícanlle o camiño aos 'que mandan': un único Estado onde todos os seus habitantes teñan os mesmos dereitos, os dereitos humanos. Témome que esta non é a vía que seguen os que alí mandan, para desgraza das persoas que só queren xogar, falar, rir, discutir e mesmo, eructar, cos seus veciños.

Ficha e cuestionario

Ningún comentario: