(...) Chegamos á estación do tren de Ourense, onde recollemos ás guías (Uxía e Eva). No autobús Uxía comezou falando das pontes e dalgúns edificios que iamos deixando atrás, da súa historia e das funcións que desempeñaban.
Baixamos do autocar na Alameda (sitio xa coñecido dunha viaxe cos Retelladores). Dividímonos en dous grupos. No meu grupo a guía foi Eva. Comezou explicándonos o significado de Ourense, a localización da Alameda, da Praza de Abastos e... diversas cousas máis.
Baixamos andando ata as Burgas. Alí, a auga mana dende as profundidades arrastrando minerais moi beneficiosos para a saúde. A seu carón hai unha piscina con auga termal.
Camiñamos polo casco histórico, paseando polas rúas, comentando casas, edificios, prazas... Chamoume (creo que a todos, non só a min) a atención unha casiña agochada nun rueiro sen saída.Gardaba a harmonía das casas antigas, engadindo cores vistosas e flores, facéndoa máis colorida, máis alegre. Comentamos, tamén, as estruturas, materiais e formas de igrexas, pazos e fontes.
Arredor das 12:30 subimos de novo no autobús, facendo a vista panorámica de Ourense. Observamos os edificios do Campus Universitario de Ourense que, como insistiron en recalcar, é unha universidade que segue o modelo europeo., é dicir, que se integra na cidade.
Chegamos ao Parque Empresarial de Pereiro de Aguiar, onde visitamos a fábrica Sociedad Textil Lonia. A min, persoalmente, pareceume un sitio horroroso. Nunca me gustou ver 'bunkers' de xente traballando, nin tráilers saíndo e entrando das naves, nin nada do que hai alí. Non é por criticar, só é unha opinión persoal.
O exterior non me sorprendeu. Gris, sen vida, como se houbese tristura no seu entorno. A pesares de que me gustan a cultura e o estilo xaponés, eses xardíns zen non me gustaron. Para min son como anacos de chapapote branco fóra de lugar. Quizais lles leve tempo coidalos, pero...
Cando entramos, por diante de nós vimos pasar a moita xente: uns de bata branca e zapatillas, outras con tacóns e zapatos finos...
Unha amable guía ensinounos as distintas partes da fábrica: o centro de corte, de costura, preparación e distribución. Un vestido lila non deixaba de pasar polos carrís do teito. Pero eu fixeime sobre todo nas traballadoras (a gran maioría eran mulleres). En naves sen ventás, como nun cárcere, todas as mulleres serias, ningunha contenta... Concentradas na súa monótona labor para cobrar a fin de mes. Houbo xente que se fixou nos bolsos de CH, eu preferín fixarme na maneira de traballar. Porque, sinceramente, a quen lle gustaría traballar alí?
Enervoume o malgasto que se fai en cousas inútiles, como a fibela dun bolso, bañada en ouro de 24 quilates. Hai tantas tonterías alí que case me dá a risa: a quen lle fai falta unha funda para goma de mascar?, que can precisa un comedeiro de CH?
Cando saímos da fábrica era xa hora de comer. Despedímonos das guías e continuamos camiños cara as termas de Outariz. Os profesores deixáronos sós nas pozas, comemos e despois cambiámonos para gozar da auga quente. Que boa estaba a auga!!! Fomos probando as pozas, pero eu na de 50º e na de auga fría non me metín. As que realmente molaban eran as quentes e máis cando comezou a chuviscar. Foi tan pracenteiro sentir o frío na cara e o calor no corpo!!! Ás 16:15 saímos das pozas e dirixímonos ao bus para volver ao Losada.
Foi unha excursión... RELAXANTE
Foi unha excursión... RELAXANTE
Ningún comentario:
Publicar un comentario