xoves, 16 de febreiro de 2012

Checkpoint, de Yoav Shamir


Na clase de Historia do Mundo Contemporáneo, para achegarnos ao conflito de Palestina, vimos o documental Checkpoint (2003) do director israelí Yoav Shamir. Este filme está realizado con imaxes gravadas durante dous anos nos ignominiosos postos fronteirizos que estableceu o Goberno de Israel en Gaza e Cisxordania. A pesar de que non amosa a actuación do exército israelí en toda a súa crueza (a cámara seguramente retrae os soldados), pódese percibir con claridade a horrible situación na que viven millóns de palestinos.
Soldados case adolescentes controlan o paso dos palestinos. Non hai liberdade de movementos e máis que por motivos de seguridade, os checkpoint establécense para acosar á poboación palestina, para que sintan quen manda. As escenas son ás veces tan absurdas que mesmo provocan una risa nerviosa. Semella unha película de ciencia ficción, un vídeo xogo... pero non, é a realidade. Unha realidade miserenta na que teñen que sobrevivir millóns de persoas, que non poden moverse libremente e que sempre son tratados como sospeitosos.
Os postos de control están sendo substituídos polo 'muro da vergonza', que fan lembrar ao apartheid sudafricano e, tamén, aínda que aos israelís non lles guste, aos guetos establecidos polos nazis durante a II Guerra Mundial para encerrar aos xudeus, nun paralelismo estarrecedor. E tamén, aos mundos pechados que estamos creando nas nosas sociedades opulentas e 'democráticas'. Muros que pechan ás vítimas, pero tamén aos verdugos.
Millóns de palestinos viven na miseria, refuxiados na súa propia terra, obrigados a humillarse para poder camiñar día tras día. Pero aínda hai esperanza, a que representan os propios soldados israelís que desertan, conscientes da inxustiza á que servían, e moitos outros grupos que dentro e fóra da sociedade israelí loitan pola convivencia pacífica, por vivir sen muros, sen checkpoint.


1 comentario:

Tania Mesejo Riveiro dixo...

Xestos tan cotidianos para nós, como ir a traballar, ao médico, visitar a familiares, etc. Son un pesadelo para milleiros de palestinos que ocupan o territorio vixiado polo exército israelí, os cales adoptan posturas moi ríxidas para deixar pasar á poboación palestina, evitando así conflictos e atentados. O documental de Yoav Shamir denuncia o trato dos palestinos recibido polos israelís.
Os conflictos por ver quen dominaría o territorio, entre palestinos, israelís e árabes, levou a moitas catástrofes. Primeiro a Declaración Balfour, que prometía a creción dun lugar para os xudeus en palestina. No 1948 creouse o Estado de Israel que tería as fronteiras de todo o que puidera conquistar. Seguidamente anunciouse a primeira guerra árabe-israelí. Os palestinos foron expulsados ou sometidos a outros países árabes nas súas propias terras. A OLP levou a cabo numerosos atentados para extender a causa palestina. Sucedéronse numerosas pequenas guerras. Creáronse grupos, como Setembro Negro. Os árabes acabaron cesando as súas guerras contra o exército israelí debido as súas múltiplas derrotas. Creouse o muro da vergonza no ano 2003 en Cisxordania, co pretexto de protexer aos xudeus dos ataques terroristas. Pero os ataques non cesan e os palestinos seguen sendo as vítimas
O muro da vergonza; máis os checkpoints, fan que os palestinos vivan nun campo de concentración moi parello ao dos nazis. O que fai que os palestinos carezan dos recursos humanos máis básicos, debido a que lles complican alcanzar auga, o traballo e o médico.
Todas as medidas que o exército israelí tomou para evitar atentados, non son máis que unha gran humillación á poboación palestina; os que sofren día a día o pesadelo de ter que dar explicacións de a donde van, porqué e canto tempo, aínda por riba de que o exército israelí lle dea voltas e máis voltas para non permitirlles o paso.

Tania Mesejo Riveiro.