O documental
"Queda alguén aí?" de Rafa Cid (2007) describe a vida (pouca) que
queda na aldea do Pedroso (Concello do Riós), como exemplo do que está a
ocorrer en amplas rexións do interior de Galicia: a despoboación extrema do
rural.
Alí queda
pouca xente e a maioría na terceira ou cuarta idade. Os máis novos ou están na
emigración (Barcelona, Bilbao...) ou se teñen ido a vivir a vila de Verín.
Dada a súa
idade, para a maioría dos habitantes do Pedroso a morte é unha constante na súa
vida, e por iso deciden gastar o diñeiro 'dos piñeiros' na construción dun
tanatorio do máis luxoso.
Máis alá da
crítica fácil a esa decisión dos vellos (lembremos o malgasto da Cidade da -in-
Cultura), para min o gran acerto do documental, tal e como xa conseguíu o autor
no seu primeiro e extraordinario filme, "Carrilanos", é a naturalidade coa que consegue captar aos
personaxes. Pódenche caer máis ou menos simpáticos, pero son auténticos dos pés
á cabeza. A través das palabras e xestos de cada un deles podemos albiscar toda
a súa vida, mesmo a vida futura. Para nós non sería difícil describir a vida de
Pedroso hai 20 ou 40 anos, temos toda a información. Por desgraza, tampouco nos
resulta complicado adiviñar a vida de Pedroso dentro de 10 ou 20 anos.
A morte das
aldeas, tal e como tradicionalmente se entenden, ligadas ás actividades
agrarias, antóllase inevitable. As propostas alternativas non deixan de ser
iso, alternativas, e as aldeas máis afastadas dos núcleos urbanos, aínda que
nos doa, irán desaparecendo. Que outro investimento máis rendible co tanatorio
se pode facer no Pedroso? por que teñen que renunciar eles aos seus caprichos se os que teñen que
administrar o diñeiro público non o fan? Podemos debatelo.
Eu quédome
coas seguintes secuencias e persoeiros: a entrada no local social coa súa
particular 'decoración', arriba e abaixo; os asentos de autobús; a alegría da
rehabilitación do labrego mozo; o maxistral 'conta contos' da Santa Compaña, os
coches abandonados, a misa e...sobre todo, o avó, que nos dá unha verdadeira
lección da vida e a morte. Agardamos que o director siga facendo documentais, necesitámolos
para entendernos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario