Do antigo Caladiños
Los
Falsificadores levou o Óscar á mellor película de fala non
inglesa do ano 2007. A película vese con facilidade e está moi ben feita. A súa
orixinalidade débese a que trata un tema pouco coñecido, pero real: a formación
dun grupo de xudeus falsificadores de diñeiro dentro dun campo de
concentración, coa finalidade de financiar a guerra e facer crebar o sistema
financeiro dos inimigos. Ese grupo gozaba de privilexios impensables para o
resto dos xudeus confinados. Estaban ben alimentados e vivían en barracóns
cunhas condicións aceptables.
O motor
da historia é o conflito ético que se lles presenta, xa que ademais de vivir
mellor cos outros presos, a súa labor pode facer que os seus verdugos poidan
gañar a guerra. O drama persoal e colectivo é o máis interesante da historia,
aínda que non está tratado con moita profundidade. Ao final triunfa o desexo de
sobrevivir e só un dos presos boicotea, sen éxito, a produción de dólares
falsos.
A
visión do filme pode suscitar nos espectadores unha serie de preguntas morais:
ata onde estariamos dispostos a chegar para poder sobrevivir, aínda que só sexa
un día máis?, ata onde chega a nosa lealdade cara a nosa comunidade?, paga a
pena sobrevivir a semellante horror?, cales son as diferencias entre as boas e
as malas persoas en situacións límite?
É outra
das moitas películas que todos os anos se fan sobre o nazismo e o holocausto xudeu. Está ben, é necesario, que se recorde esa
monstruosidade, sobre todo si así evitamos repetila, pero hai que ter en conta
tamén outros xenocidios da Historia, mesmo ás outras vítimas da tolemia nazi,
como os xitanos ou os homosexuais. Non teñen a mesma consideración todas as
vítimas e se percibimos aos xudeus como as vítimas por antonomasia débese ao
poderío económico e político dese pobo que creou unha maquinaria moi potente ao
servizo da súa memoria histórica, da shoah, ocultando ás outras vítimas e,
tamén, xustificando, cos seus padecementos pasados, accións represivas e
violentas tan inmorais como as que eles sufriron, e das que hoxe é responsable
o Estado de Israel sobre os palestinos. De ningunha maneira pretendo
minusvalorar o Holocausto xudeu, pero é un deber moral dignificar a todas as
vítimas do pasado e do presente. Todas merecen o noso recoñecemento e a nosa
solidariedade, máis alá do poder dos medios.
A
película non aporta gran cousa ao coñecemento do Holocausto e remata cun ‘final
feliz’ absurdo, pero é recomendable, tanto polo tema como pola forma de
abordalo. Ten ademais o mérito de ser unha coprodución entre Austria e Alemaña,
amosando a capacidade deses países para asumir criticamente o seu infame
pasado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario