Tiña pensado escribrir algo sobre a estupenda manifestación do sábado, pero afórramo Manuel Gago con este artigo que describe maxistralmente o que supón esa loita para os implicados, fronte a cegueira? das autoridades: nós defendemos os nosos intereses porque o que é público é de todos, e gústanos compartir, como bos anfitrións, o mellor que temos: o castelo de Monterrei.
Máis que interesante todo o que está a suceder ao redor da cidadela de Monterrei, por moitísimos motivos. O primeiro: decatarnos de como a percepción social do patrimonio e do que é posible facer con el está a cambiar na sociedade galega, e non só no ámbito estritamente urbano. As obras de Monterrei non significan expropiación de terras novas, asulagamento de leiras, ou permutas de propiedades. Todas estas persoas manifestáronse o outro día en prol dun ben común e contra un xeito moi concreto de xestionar o patrimonio cultural. Nun territorio aparentemente pouco estruturado socialmente, a protesta a prol do Castelo de Monterrei xenerou, a través das redes, esa “identidade horizontal” da que fala Manuel Castells.
Durante moito tempo, a xestión do patrimonio cultural foi así de bruta, así de avasalladora, e parecía tan habitual como agora nos parece escandaloso o procedemento levado a cabo aquí pola Xunta. Para min, un dos factores de traca é o de facer un parador novo ao carón dun edificio público que xa ten esa función, no canto de reformalo (e sobre todo, repensalo). O non aproveitar unha xoia tan valiosa coma este castelo como un centro potenciador dos inmensos recursos dunha comarca que é a porta de entrada a Galicia, evidencia un xeito de entender a política e o turismo propias do franquismo, cando era o edificio en si, o Parador, o vertebrador do territorio. Hoxe sabemos que non é así, nin a función dos Paradores pode ser esa. Monterrei merece un proxecto máis ambicioso, máis intelixente, máis rendible económica, laboral e socialmente que a obra bruta que queren facer. Porque lle podemos esixir moito máis aos políticos e debemos facelo. E porque o patrimonio cultural non é unha reliquia do pasado, é unha ferramenta do presente para facer avanzar ás nosas sociedades, pero é unha ferramenta que se constrúe desde o diálogo, non desde o cemento. A ver se o damos entendido dunha vez.
Ningún comentario:
Publicar un comentario