Refuxiados hutus preto de Goma (República Democrática do Congo) cara a fronteira de Ruanda despois de abandonar o campamento de refuxiados de Mugunga, 1996 |
No ano 1994, en a penas 100 días, as milicias hutus dos Interahamwe
(os que matan xuntos) asasinaron con machetes, chineses e franceses, a
800.000 persoas, tutsis e hutus moderados e provocaron uns dous millóns de
refuxiados. A orxía sanguenta non xurdiu da nada, foi o resultado do odio
histórico entre as dúas etnias, das loitas polo poder entre as elites dos dous
pobos e as políticas neocoloniais dos Estados occidentais, que inflamaron os
ánimos da poboación con consignas racistas. Desde 1990 desenvolvíase unha
guerra entre o goberno hutu de Ruanda e as tropas do FPR (Fronte Patriótica de
Ruanda) que actuaban desde Uganda. O medo e a xenreira dos hutu cara as tropas
da FPR foise estendendo a toda a poboación tutsi.
O ministro de defensa Theoneste Bagasora foi condenado
polo Tribunal Penal Internacional para Ruanda como máximo responsable da posta en práctica doutra ‘solución final’ na
antiga colonia belga, coa finalidade de eliminar aos tutsis de Ruanda. Pero non
só foron responsables os dirixentes hutus, senón que tamén contribuíron a
desencadear o conflito os tutsis da FPR que, entre outras actuacións violentas,
participaron no ataque terrorista cun mísil que derrubou o avión dos
presidentes de Ruanda e Burundi en abril de 1994, que fixo prender a chispa que
reventou a fráxil convivencia entre os dous pobos.
Como soe acontecer, a intervención internacional foi máis
testemuñal que efectiva (ver a película Hotel Ruanda). Uns poucos soldados na ONU
non puideron (nin quixeron) facer nada para deter a matanza e o éxodo de
millóns de refuxiados. Iso si, nos países occidentais organizáronse campañas
caritativas de recollida de fondos para os ‘pobres negros salvaxes?'.
Por outra banda, tamén semella clara a intervención máis ou menos encuberta das
potencias estranxeiras, apoiando a un ou a outro bando e función dos seus
intereses. Francia ten sido acusada de apoiar a matanza hutu, mentres Gran
Bretaña, Estados Unidos e Bélxica apoiaron aos tutsis, hoxe no poder.
A pesar do aterrecedor número de mortos deses 100 días de
vergonza, moitas máis persoas morreron e seguen morrendo hoxe nos campos de refuxiados do Congo como consecuencia do
acontecido nos primeiros anos noventa. Calcúlase que a morte de civís na rexión
dos Grandes Lagos é a maior desde a Segunda Guerra Mundial. Está ben que o
Tribunal Penal Internacional condene aos responsables de crimes contra a
humanidade, pero debe condenar a todos, non só a aqueles que lle conveñan aos
espurios intereses das grandes potencias. Miles, millóns de vítimas inocentes,
seguen sufrindo e morrendo pola cobiza duns poucos. Cando seremos quen de vivir
en paz?
(...)
Si, fun a Ruanda, pero Ruanda está tamén en min. Os
refuxiados repartíronse por todo o mundo, levando consigo o sangue e a cólera
dos mortos abandonados.
E eu teño medo cando escoito falar no meu país de
pertenza ou non pertenza. Dividir. Educar aos estranxeiros. Inventar a idea
rexeitamento. Como se aprende a idea da identidade étnica? De onde xorde este
medo ao Outro que conduce á violencia?
Un día a vida cotiá bórrase para dar paso ao caos.
Onde se agochaba a semente do odio? Na noite da cegueira absoluta, que tería
feito eu se me vira no medio da engrenaxe da masacre? Teríame resistido á
traizón? Tería sido covarde ou valente? Tería matado ou teríame deixado matar?
Ruanda está en min, en ti, en nosoutros.
(...)
La sombra de Imana, de Veronique Tadjo.
El Cobre 2003 (pax. 49)
Ningún comentario:
Publicar un comentario