mércores, 15 de maio de 2013

EN UN MUNDO LIBRE: MERCADORÍA HUMANA


Do antigo Caladiños
A película de Ken Loach do ano 2008 segue o modelo do resto da súa filmografía, cine de denuncia social onde os protagonistas son os perdedores da Historia, as persoas marxinadas dos beneficios do actual modelo capitalista baseado no consumismo máis insubstancial. As súas películas parecen documentais polo realismo e a ausencia de panos quentes con que nos pon diante de realidades que forman parte do noso marabilloso mundo, e que preferimos non ver.
En un mundo libre trata da explotación laboral que sofren os inmigrantes en Londres, ‘o Terceiro Mundo no Primeiro’, onde máis que man de obra barata, son escravos ao servizo do consumidor. Unha situación que tamén existe preto de nós.
Angie, magnificamente interpretada por Kierston Wareing, é o motor da historia. Ela é unha traballadora despedida da empresa de traballo laboral, onde se ocupaba de traer mercancía humana desde Polonia, que decide crear a súa propia axencia de traballo temporal. Ela e a súa amiga Rose fan de intermediarias entre os empresarios sen escrúpulos, só preocupados de que os obreiros traballen por un salario de miseria e non protesten, e os inmigrantes dos países pobres que vagan por Londres en busca dun traballo con que manter a súa familia. Entre eles tamén hai diferenzas, os que non teñen papeis viven na máis absoluta miseria e teñen que aceptar calquera salario para poder traballar.
As dúas amigas tamén fan negocio co aluguer de apartamentos por horas aos inmigrantes, o que está pasando tamén aquí: xente que só ten ‘unha casa’ durante 12 horas ao día porque non pode pagar máis (na película Princesas, de Fernando León de Aranoa, moi recomendable tamén, reflíctese esa realidade). Cando Angie decide traballar con inmigrantes ilegais a súa amiga decide deixalo por medo ás consecuencias xurídicas, pero tamén porque aínda é capaz de marcarse uns límites de decencia. En realidade, Angie sabe que os beneficios compensan as posibles sancións impostas aos explotadores de persoas sen papeis, aos ‘negreiros’ do presente.
Angie, unha traballadora, non loita por cambiar o Sistema, senón que ela mesma se converte nunha peza máis na procura dun final ‘infeliz’. Aquí non hai heroes, só hai persoas que loitan por sobrevivir, unhas para poder comer e outras, como Angie (ou nós), para poder consumir.
A película non é redonda e en moitas ocasións pérdese (a relación co fillo e os pais está pillada con pinzas) ou simplifica de máis realidades complexas. Porén, ao igual que case que todas as películas de Loach, mantén un nivel cinematográfico máis que aceptable e, sobre todo, ten a enorme dignidade das causas xustas.

Paul Laverty, o guionista desta e doutras moitas películas de Ken Loach, nunha entrevista en El País opinaba o seguinte sobre o cine e o mundo no que vivimos: “... non existe o cine político. Ou, pola contra, todo o cine esconde unha mensaxe. As superproducións de Hollyvood son políticas, con protagonistas brancos, ricos, aos que o resto do mundo debe admirar e imitar”; “... en todo o mundo demos un salto atrás brutal nos dereitos sindicais e humanos, mesmo neste mal chamado Primeiro Mundo”; (para preparar o guión de En un mundo libre estivo en fábricas e almacéns de Gran Bretaña) “Os supermercados son unha marabilla de administración, comunicación, distribución... Produtos de todo o mundo a disposición dos seus clientes. Pero como chegaron ata alí? Estiven nas aforas dalgúns ás catro da mañá con inmigrantes agardando por un traballo... Esa man de obra, moitos sen papeis, manteñen a economía somerxida. (...) Xente que cobra 25 peniques (uns 30 céntimos) á hora”; “Onde están agora os logros da loita sindical? Os convenios, os salarios mínimos. Volvemos á Idade Media. E a economía incentiva ese sistema. Falei con labregos que pagaban unha merda a inmigrantes do Leste para recoller fresas en Gran Bretaña e amosáronme como non podían pagarlles máis sen ter perdas. Logo seguín as fresas ata os supermercados, fixeime no brutal aumento dos prezos e… quen se quedou cos beneficios?

Ningún comentario: