A fermosa
praia de Baldaio, no concello de
Carballo, ten un gran valor ecolóxico. O conxunto de catro quilómetros formado
pola marisma, a lagoa e as dunas móbiles é un dos lugares de maior interese
natural da costa galega.
No ano 1947
as autoridades franquistas outorgaron a dúas persoas a concesión da explotación
do marisco. Esta concesión pasou seis anos despois á empresa Baldaio S.L., que
non se adicou á extracción do marisco. Esa era só a tapadeira para sacar area
para despois vendela. Miles de camións levaron a area para a construción na
cidade da Coruña mentres a administración miraba cara outro lado, ante a
indignación dos veciños.
O 8 de maio
de 1977 organizouse unha manifestación en Carballo, apoiada por Comisións Labregas e a Asemblea Nacional-Popular
Galega, para denunciar o espolio que privaba á poboación do seu medio de vida e
da propia praia como espazo de lecer. Unhas 5.000 persoas se concentraron na
capital de Bergantiños, centos delas chegadas de toda Galicia. "Caciques
fóra" líase nunha pancarta. Era día de feira na capital de Bergantiños,
ateigada de xente. Ao final da manifestación a Guardia Civil cargou brutalmente,
provocando o pánico entre a poboación. Aínda foi peor pola tarde cando os
manifestantes baixaron á praia e se librou unha batalla campal que rematou cun
manifestante cunha parálise permanente como consecuencia dun golpe que lle
deron as 'forzas de orde'. As protestas continuaron e chegaron á súa máxima
expresión en 1978. A marisma volveu abrirse ao marisqueo e a extracción de
áridos quedou paralizada.
Hoxe Baldaio
está protexida, formando parte da Rede Natura 2000, pero os veciños aínda
lembran a loita: "Todo aquilo foi culpa do caciquismo. Agora as cousas
cambiaron, pero non dá gusto mirar atrás. Ata fai dano. (...) Daquela o
concello axudaba aos ricos. Faime graza ver agora a algúns que piden o voto
polas portas e que nese ano nos fixeron tantísimo dano".
O documental
Area nos ollos. A loita por
Baldaio 30 anos despois recorda os acontecementos do 8 de maio de 1977 na
voz dalgúns dos protagonistas dunha das mobilizacións pola dignidade da que foron
protagonistas os galegos ese ano, xunto a da Encrobas, contra a ocupación de
terras para a construción da central térmica de Meirama e a de Xove, contra a instalación
dunha central nuclear.
Ningún comentario:
Publicar un comentario