Seguramente
moitos de nós témonos fotografado na Alameda de Santiago coa acolledora
escultura das ‘dúas marías’ (a miúdo estragada por imbéciles e ignorantes).
Esta escultura foi realizada en 1994 por César Lombera en homenaxe a dúas irmás
de gran sona en Compostela. Na súa biografía se reflicte con toda a súa crueza
a miseria do franquismo, miseria material pero, sobre todo, miseria moral, que as
mulleres padeceron con maior intensidade. O documental de Henrique Rivadulla
Corcón “Coralia e Maruxa. As irmás
Fandiño”, conta a súa desgracida vida.
‘As marías’ son Coralia e Maruxa Fandiño.
Tamén foron coñecidas por ‘as dúas en punto’, xa que esta era a hora na que
iniciaban o seu paseo diario pola cidade, sempre polas mesmas rúas. As súas
roupas e o a maquillaxe, extravagante para os convencionalismos sociais,
facíanas destacar no cincento ambiente franquista. A súa historia é unha
historia de violencia, de medo.
Tres dos
seus 11 irmáns eran, antes da Guerra Civil, membros do sindicato anarquista, a CNT. Ao producirse o golpe
un dos irmás foi asasinado polos falangistas, mentres outros dous
conseguiron fuxir. Como ocorreu en moitas outras ocasións, a familia
converteuse tamén en vítima do terror fascista pois sufriu a violencia das
hordas da Falange para intentar coñecer o paradoiro dos fuxidos. As dúas
irmás eran obrigadas a levantarse de noite, espidas na rúa... e non se sabe que
cantas máis humillacións tiveron que aturar, ata que os seus irmáns foron
arrestados. En plena mocidade, a súa vida quedou marcada para sempre e, como é
obvio, seguro que lles afectou psicoloxicamente.
A represión
tamén afectou a súa economía. Pasaron verdadeiras penalidades xa que se viron
obrigadas a deixar de traballar de costureiras cando perderon aos clientes, por
ser dunha familia anarquista. Os veciños axudáronas a sobrevivir e incluso a
principios do 60 organizaron unha colecta, chegando a xuntar 250.000 pesetas
daquela, para axudarlles a amañar o tellado da casa, abatido por un temporal.
Coralia e Maruxa
sempre chamaron a atención pola súa resistencia a pregarse aos costumes da
masa. Adoitaban botarlle flores aos homes e enredaban cos estudantes, sobre
todo, a maior en idade, pero máis pequena de estatura, Maruxa. Eran dúas
persoas diferentes dentro dunha sociedade estreita e triste, condenada a uns
hábitos hipócritas “por la gracia de Dios”.
Na foto vese
a Coralia e Maruxa rodeadas por un grupo de mozos na Porta Faxeira. Son as dúas
en punto e elas convértense na atracción de estudantes e mariñeiros de permiso,
que desafogan as súas reprimidas palpitacións acosando a dúas ‘tolas’. Todo
está permitido, a burla, o asoballamento... Elas foxen, quizais lembrando o que
lle fixeron pasar os fascistas nos anos corenta. Nada é capaz de vencer ao
medo, nin os pos de arroz das maquillaxes, nin as roupas cheas de color. Non hai
disfrace que alivie tanta angustia acumulada. Pero hai que seguir adiante, a
Alameda espéraas.
Por
desgraza, ‘as marías’ seguen contemplando como moitos homes continúan a
maltratar ás mulleres, acosándoas como se non foran nada, só un obxecto para
entretemento dos machos. Se algunha homenaxe lle podemos facer a Coralia e
Maruxa, e a todas as mulleres vítimas do machismo e do fascismo, debe de ser a
belixerancia rigorosa contra calquera abuso, contra calquera humillación que
unhas persoas lle poidan infrinxir a outras.
1 comentario:
Grazas, Heladio por achegar esta extraordinaria intrahistoria, descoñecida supoño que por moitos coma min.
Publicar un comentario