sábado, 6 de abril de 2013

CORALIA E MARUXA, VÍTIMAS DO FRANQUISMO


Seguramente moitos de nós témonos fotografado na Alameda de Santiago coa acolledora escultura das ‘dúas marías’ (a miúdo estragada por imbéciles e ignorantes). Esta escultura foi realizada en 1994 por César Lombera en homenaxe a dúas irmás de gran sona en Compostela. Na súa biografía se reflicte con toda a súa crueza a miseria do franquismo, miseria material pero, sobre todo, miseria moral, que as mulleres padeceron con maior intensidade. O documental de Henrique Rivadulla Corcón “Coralia e Maruxa. As irmás Fandiño”, conta a súa desgracida vida.
 ‘As marías’ son Coralia e Maruxa Fandiño. Tamén foron coñecidas por ‘as dúas en punto’, xa que esta era a hora na que iniciaban o seu paseo diario pola cidade, sempre polas mesmas rúas. As súas roupas e o a maquillaxe, extravagante para os convencionalismos sociais, facíanas destacar no cincento ambiente franquista. A súa historia é unha historia de violencia, de medo.
Tres dos seus 11 irmáns eran, antes da Guerra Civil, membros do sindicato anarquista, a CNT. Ao producirse o golpe un dos irmás foi asasinado polos falangistas, mentres outros dous conseguiron fuxir. Como ocorreu en moitas outras ocasións, a familia converteuse tamén en vítima do terror fascista pois sufriu a violencia das hordas da Falange para intentar coñecer o paradoiro dos fuxidos. As dúas irmás eran obrigadas a levantarse de noite, espidas na rúa... e non se sabe que cantas máis humillacións tiveron que aturar, ata que os seus irmáns foron arrestados. En plena mocidade, a súa vida quedou marcada para sempre e, como é obvio, seguro que lles afectou psicoloxicamente.
A represión tamén afectou a súa economía. Pasaron verdadeiras penalidades xa que se viron obrigadas a deixar de traballar de costureiras cando perderon aos clientes, por ser dunha familia anarquista. Os veciños axudáronas a sobrevivir e incluso a principios do 60 organizaron unha colecta, chegando a xuntar 250.000 pesetas daquela, para axudarlles a amañar o tellado da casa, abatido por un temporal.
Coralia e Maruxa sempre chamaron a atención pola súa resistencia a pregarse aos costumes da masa. Adoitaban botarlle flores aos homes e enredaban cos estudantes, sobre todo, a maior en idade, pero máis pequena de estatura, Maruxa. Eran dúas persoas diferentes dentro dunha sociedade estreita e triste, condenada a uns hábitos hipócritas “por la gracia de Dios”.
Na foto vese a Coralia e Maruxa rodeadas por un grupo de mozos na Porta Faxeira. Son as dúas en punto e elas convértense na atracción de estudantes e mariñeiros de permiso, que desafogan as súas reprimidas palpitacións acosando a dúas ‘tolas’. Todo está permitido, a burla, o asoballamento... Elas foxen, quizais lembrando o que lle fixeron pasar os fascistas nos anos corenta. Nada é capaz de vencer ao medo, nin os pos de arroz das maquillaxes, nin as roupas cheas de color. Non hai disfrace que alivie tanta angustia acumulada. Pero hai que seguir adiante, a Alameda espéraas.
Por desgraza, ‘as marías’ seguen contemplando como moitos homes continúan a maltratar ás mulleres, acosándoas como se non foran nada, só un obxecto para entretemento dos machos. Se algunha homenaxe lle podemos facer a Coralia e Maruxa, e a todas as mulleres vítimas do machismo e do fascismo, debe de ser a belixerancia rigorosa contra calquera abuso, contra calquera humillación que unhas persoas lle poidan infrinxir a outras.

1 comentario:

Manuel dixo...

Grazas, Heladio por achegar esta extraordinaria intrahistoria, descoñecida supoño que por moitos coma min.