sábado, 23 de febreiro de 2013

A paisaxe da miña memoria


Este é o texto que escribín para un proxecto do Servizo de Nomalización Lingüística de Vilagarcía.
As Poroxas, pasando polo barrio de Molelos e a Piliteira, o prado onde pasei as mañás de verán na miña adolescencia, xunto ao inesquecible Roco.
Requeixo, pasando pola Cortiña e Vilaza, o balneario xunto ao río Búbal, onde acudiamos a bañarnos en bicicleta.
O Souto, o campo da festa onde tamén xogabamos ao fútbol antes de facerse o campo de Rozavales, pasando polas Fontiñas.
O Terreo, pasando pola Garza, o bacelo onde tantas uvas coidei e vendimei.
A rúa dos Caladiños, onde sempre había barullo que se expandía polos innumerábeis currunchos dunha antiga rúa de pedra e cachotes.
Alguén debe recordar que As Poroxas non é un lugar por onde pasa a autovía, que Requeixo non son unhas ruínas queimadas e un río estragado por unha minicentral, que as festas do Santiago no Souto non se reducen a decibelios, que o Terreo non é unha parcela cadrada, vulgar, de poula, e que a rúa Caladiños ten casas nas que recordan aos veciños que se berraban pero que tamén estaban dispostos a botar unha man.
Quixera que os meus herdeiros e todos aqueles nenos e nenas que teñen raíces na paisaxe onde eu me criei, coñezan e valoren eses espazos da memoria que tanto significan para os da nosa xeración e que se perde ás alancadas: Albarellos de Monterrei. Recordando os espazos, recordamos os seus nomes e, sobre todo, as infinitas palabras alí pronunciadas.
Compostela, 30 de setembro do 2008 (cumpro anos, moitos)

3 comentarios:

Manuel dixo...

Xa dixo Rilke que a infancia é a verdadeira patria do home, que se non tamén o diría eu ; )

Unknown dixo...

Non era o PTV Brey o que dicía iso ou algo semellante? e non dis nada da foto? nin do meu novo avatar?

Manuel dixo...

Heladio, aínda non atopei palabras para dicir algo da foto: non podo crer que tiveses cariña de bo rapás un día : ) e a do avatar, sóame de algo ese look...