A película de Kathryn Bigelow é moi boa, funciona coma un
reloxo, con escenas curtas, perfectamente filmadas, e engarzadas con precisión.
As dúas horas e media do filme pásanse moi rápido, a pesar de que xa coñecemos
o final. Un final centrado no asalto á casa onde vivía o gran demo, Bin Laden,
e que para min é do mellor que teño visto en cine de acción.
Tanto nesta coma na oscarizada ‘En tierra hostil’, a
directora amosa ser unha mestra do cine bélico. Un cine que non pode ser máis
que violento, e no que os personaxes son só monicreques ao servizo dunha causa,
dunha obsesión coma neste caso. Non teñen pasado, non cuestionan o seu papel no
merdento teatro da guerra, só cumpren unha misión.
É así como se non presenta a caza do home nesta
extraordinaria e entretida película. Sen preguntas. Unha axente da CIA protagoniza
durante dez anos a procura de información, e nesa busca do fuxitivo (como nunha
película de vaqueiros) todo vale. É aquí, no uso probado da tortura nos
cárceres secretos da CIA (ou en Guantánamo) onde se centra a controversia.
Para algúns a película non se compromete, só intenta ser
fiel aos feitos, e que cada un pense o que queira. Para outros, entre os que me
inclúo, a directora toma claramente partido. A suposta neutralidade agocha unha
xustificación da tortura como método para acadar a información que conduce ao
final ‘feliz’. Sen ela non tería sido posible atrapar ao malo. Nas escenas dos
atentados terroristas sentimos, como non pode ser doutra maneira, rexeitamento,
noxo. Porén, cando se nos mostra a tortura, o punto de vista é outro, con jihadistas
deshumanizados e axentes secretos que actúan cunha rutina case burocrática,
mesmo parecen simpáticos. Bin Laden e os seus fanáticos seguidores está claro
que son uns fillos de puta, pero… tamén consideramos uns fillos de puta aos da
CIA? Se nos centramos só na película, evidentemente non.
Non existe a obxectividade en ningunha interpretación dun
feito pasado ou presente. Cando se escolle un punto de vista ou outro estase
tomando partido. Non facerse preguntas sobre a guerra de Iraq ou Afganistán,
non cuestionarse a impunidade do exército e dos servizos secretos de EE UU en
Paquistán, non explicar as orixes do conflito, non establecer ningún límite
legal ou moral na actuación dos personaxes, só pode interpretarse como unha
xustificación do narrado, amoral.
É na suposta neutralidade onde radica a gran trampa, gran
perigo deste tipo de propaganda bélica. O inimigo encarna ao MAL e hai que
extirpalo da Terra, as únicas vítimas son as nosas, as do lado do BEN. Non hai
matices, non hai profundidade. Dos indios do oeste aos islamitas, a mensaxe, a
historia, repítese. O fin xustifica os medios, aínda que ese fin non sirva para
nada máis que para mostrar quen manda aquí.
Non é unha película de Rambo, senón unha perfecta
construción cinematográfica feita para presentarnos unha realidade noxenta como
simple entretemento. Paga a pena vela, pero que non nos enganen, detrás da
‘noite máis escura’ hai moita merda, aínda que non cheire.
Ningún comentario:
Publicar un comentario