Comezando a ler o
último libro de Fontana, Por el bien del imperio, atopei unha referencia ao xenocidio dos pigmeos bambuti
no Congo e quixen informarme sobre ese pobo, como moitos outros, esquecidos
pola nosa Historia eurocéntrica.
Hoxe quedan só uns
250.000 pigmeos vivindo nas selvas ecuatoriais de África. A súa existencia
corre perigo pola corta masiva de árbores para aproveitamento das empresas
madeireiras que despois a venden nos países ricos. Na RD do Congo os pigmeos
está sendo masacrados polos diferentes grupos armados que combaten polo control
das riquezas naturais do territorio.
O Grupo Internacional polos Dereitos das Minorías (GDM) ten denunciado diante do
Tribunal Penal Internacional (TPI) o xenocidio que están a sufrir os pigmeos
bambuti nas selvas de Ituri e do Kivu a mans das tropas encabezadas polo ex
vicepresidente congolés, Jean-Pierre Bemba. O informe contén testemuños de
asasinatos en masa, actos de canibalismo, violacións sistemáticas e saqueo e destrución
dos poboados de pigmeos. O director do GDM, Mark Lattimer, denunciou os crimes
cometidos 'contra pobos pacíficos que nunca colleron as armas e son as vítimas
silenciosas do conflito e da explotación dos recursos naturais'.
Entre os miles de
congoleses desprazados pola guerra permanente da rexión, os pigmeos son
especialmente vulnerables, pois son marxinados polos outros pobos indíxenas.
Segundo ACNUR hai preto de 10.000 pigmeos bambuti vivindo en precario en
campamentos de refuxiados na provincia do Kivu Norte, tras verse obrigados a
fuxir da súa zona selvática de orixe. Este pobo semi nómade de
cazadores-recolectores vese obrigado a sobrevivir nunhas condicións que poñen
en perigo a súa cultura e a súa propia supervivencia. Son os grandes perdedores
dunha guerra na que non teñen ningunha responsabilidade.
'A nosa vida aquí
é de sufrimento', di Muhindo Mupepe. 'Temos que durmir directamente sobre as
rochas volcánicas, e non recibimos ningún tipo de asistencia. Cando os nosos
nenos caen enfermos, temos que ir a buscar plantas medicinais na selva'. Non
teñen aloxamento, nin alimentos suficientes, nin atención sanitaria. Para
sobrevivir traballan para os agricultores locais, un traballo extenuante e polo
que reciben un salario mísero dun dólar ao día. Outros van recoller leña á
selva, que despois venden. Esta é unha tarefa especialmente perigosa para as
mulleres debido aos grupos armados que se moven polo territorio. 'Se temos
sorte, só nos quitan a madeira', di María, referíndose ao perigo de ser violadas.
Este xenocidio
esquecido ten os seus primeiros antecedentes na época colonias, a finais do século XIX e
principios do XX, coa historia do pigmeo Ota Benga, secuestrado, escravizado,
exhibido na Exposición Universal de Saint Louis en 1904, e pechado nunha gaiola
xunto a un orangután no zoo de Nova Iork, despois de que os mercenarios do rei
belga Leopoldo II mataran a súa muller e fillos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario