sábado, 28 de xaneiro de 2012

“Si el famoso árbol de Guernica da este fruto, procuremos que no vuelva a retoñar.”



En Xiztoria (tomada do Museo Zumalacárregui) recollín esta información sobre unha das moitas e expresivas viñetas políticas publicadas no século XIX. Lonxe da corrección política, as revistas ofrecían unha visión satírica da vida política española. La Flaca (1869-1876) era unha revista anticarlista e republicana, publicada en Barcelona. A pesar da liberdade de prensa durante o Sexenio, o semanario foi censurado en moitas ocasións e, para evitalo, cambiou con frecuencia o seu nome: La Carcajada, La Madeja ou El Lío.
Un dos obxectivos preferentes da súa burla foi o carlismo, outra vez botado ao monte entre 1872 e 1876. A caricatura que nos ocupa foi publicada por La Madeja o 2 de maio de 1874.
Unha muller, símbolo da agonizante Iª República (este ano, despois do golpe de Pavía, da República só se conservaba o nome) tala cunha machada a árbore de Guernica, símbolo dos Foros vascos. Unha serra, o xeneral Concha (xefe das tropas do Norte), será a ferramenta final coa que a República conseguirá o seu obxectivo.
A árbore ten como raíces o Absolutismo, a Intolerancia e o Fanatismo. No seu tronco o lema carlista: Dios, Patria, Rey. As súa ponlas son as tres provincias vascas: Álava, Guipúzcoa e Vizcaya. Os seus froitos son os carlistas e os curas, armados, que os apoian. Os carlistas aparecen como cogomelos e como ratas, sempre coa boina.
En primeiro plano, a botella de petróleo fai referencia a un folleto de Vicente Monterola 'Don Carlos o el petróleo', no que se presenta ao pretendente carlista como única alternativa aos que queiman igrexas. Substitúese Don Carlos polos Foros, en referencia aos obxectivos carlistas.
A República rematou en 1875, e non foi ata 1876, co novo réxime da Restauración cando o Estado español venceu aos carlistas e serrou a árbore, suprimindo os Foros. O carlismo non desapareceu pero foi incapaz de provocar outro levantamento semellante. A reivindicación foral pasou a ser protagonizada polos nacionalistas vascos liderados polo antigo carlista Sabino Arana. Hoxe a árbore de Guernica segue sen atopar acomodo no Estado español.

Ningún comentario: