xoves, 26 de novembro de 2009

Amerrika, de Cherien Dabis


Amerrika foi unha das poucas películas que tiven a sorte de ver no espléndido festival de Cineuropa. Todos os que amamos o cine en versión orixinal e sen 'palomitas' agardamos con expectación a longa e sempre atractiva programación que nos ofrecen no mes de novembro en Santiago.

Amerrika é unha película sinxela, chea de humanidade, na que a través da vida cotiá dunha nai e seu fillo sentimos o difícil e inxusta que pode ser a vida para algunhas persoas. Eles só queren vivir tranquilos e libres, pero o entorno, primeiro en Palestina e despois en Estados Unidos, non os deixa. É tamén unha película de mulleres, de mulleres que non se renden, fortes, que loitan ata a extenuación para sacar adiante aos seus, sen perder a capacidade de rir, de vivir. Todo o reparto está xenial, xogando un papel fundamental na credibilidade da historia, pero as dúas grandes actrices que interpretan ás irmás protagonistas achéganse á perfección no seu traballo: Nisreen Faour e Hiam Abbass, a excelente protagonista do soberbio filme Los limoneros.

A dirección e o guión e doutra muller, Cherien Dabis. Ela baseouse na súa propia experiencia como inmigrante de segunda xeración en Estados Unidos para escribir esta película. Así o conta ela mesma: "como a maior parte dos inmigrantes, a miña familia chegou a EE UU esperando acadar o sono americano. Pero o que atopou foi algo totalmente diferente. É precisamente esta loita dos inmigrantes a que me empurrou a escribir Amerrika".

Muna, abandonada polo seu marido, vive co seu fillo adolescente na Palestina oprimida polo exército israelí, obrigados a sufrir a diario a humillación dos checkpoints. A esperanza dun futuro mellor ábrese para eles cando Muna consegue permiso de residencia en Estados Unidos, onde se instalan na casa da súa irmá e a súa familia. O muro que os oprimía en Palestina transfórmase agora nos prexuízos que a sociedade de Estados Unidos ten cara os árabes, acrecentados polo 11-S e a invasión de Iraq no 2003. A marxinación que sofren no 'democrático' occidente lévaos a botar de menos a súa mala vida en Palestina. Pero Muna loita sen escusas para conseguir saír adiante, sen que a agresividade irracional que sofren a derrote.

Unha película máis que recomendable para os que gustan das historias cotiás, humanas, sen artificios e sen dramatismos (a película está chea de humor, tan necesario para sobrevivir nun medio hostil), para os que teñen os ollos abertos á realidade doutros lugares, doutras xentes. Un filme para cabrearse co noso 'marabilloso' mundo, pero tamén para sorrir cos bos sentimentos de moitas persoas (entrañable o final da película). Mulleres, Palestina, inmigración, consumismo, racismo... e ganas de vivir.

Ningún comentario: