Estes
días estase a conmemorar o inicio da Guerra da Independencia. O 2 de maio o pobo de
Madrid iniciou a revolta contra as tropas francesas que pretendían ocupar o
reino de España dentro da política expansionista de Napoleón. Coma ocorre con
todos os acontecementos históricos presentes na memoria colectiva a
interpretación destes feitos está sometida aos intereses políticos e
ideolóxicos da actualidade. Para uns foi unha guerra ‘nacional’, a nación en
armas contra o invasor; para outros foi unha guerra civil onde a maioría
reaccionaria, aguilloada pola Igrexa absolutista, se impuxo aos liberais
afrancesados que pensaban co mellor para os españois era un réxime semellante
ao xurdido en Francia despois da Revolución de 1789. Uns poñen o acento na
valentía e espírito patriótico das guerrillas que se crearon por todo o
territorio, mentres outros resaltan a importancia que tiveron as tropas
británicas na derrota do exército francés.
Carezo
dunha formación suficiente para opinar sobre as características particulares
desa guerra, pero quixera denunciar unha vez máis a manipulación da Historia ao
servizo duns intereses políticos perfectamente defendibles sen necesidade dun
uso espurio do pasado. Por que algúns se volcan no que ocorreu hai 200 anos e
pretenden esquecer a Guerra Civil e a Ditadura? Calquera proceso histórico
admite interpretacións distintas, así se enriquece o coñecemento histórico.
Pero non é admisible a ocultación de acontecementos obxectivos, nin a
valoración dos mesmos só en función dunhas teses fundamentalistas non sometidas
a unha análise científica rigorosa. Primeiro establécense unhas conclusións e,
despois, recóllese do pasado só aquilo que xustifica esas conclusións. O mundo
ao revés.
O que
ocorreu entre 1808 e 1814 en España foi unha guerra tan salvaxe coma todas, nas
que os humildes son sempre os que sofren as peores consecuencias. Unha guerra
na que, como en todas, se cometeron toda clase de horrores e que supuxo un
fracaso para todos aqueles que pretenderon unha mellora das condicións
políticas e socias nas que vivían os españois. En 1814 regresou o infame Fernando VII ao trono (o ‘desexado’ non era digno
deste alcume) e o progreso que podería supor a Constitución de 1812 viuse
truncado coa volta ao absolutismo do Antigo Réxime.
É
importante saber o que pasou, pero sobre todo, temos que preguntarnos por que
pasou: por que se mataron e actuaron tan vilmente os guerrilleiros e os
soldados franceses e británicos hai 200 anos? por que hoxe se segue actuando da
mesma maneira e non sabemos resolver os conflitos sen recorrer ás armas?
Ningún comentario:
Publicar un comentario