Parece imposible que na sucesión
de escándalos e disparates da nosa clase política aínda haxa noticias que
poidan sorprender. Anestesiados, convivimos co noxo sen alterarnos. O decente é
o anormal.
Pero estes políticos mediocres,
curtos de miras, incapaces de xerar benestar para os seus concidadáns, son
quen, porén, de acadar as máis altas cotas da miseria cos seus despropósitos só
aparentemente inocentes, casuais. Vendo o que pasa día tras día sería de parvos
non sospeitar que o obxectivo é, outra volta, obter beneficios privados
malgastando o patrimonio público (de todos, non de ninguén).
Así que... sacan un novo coello da
chistera, un hotel de luxo no castelo de Monterrei. E se sempre quedas abraiado
coa capacidade de latrocinio dos nosos gobernantes, neste caso doe, porque o
castelo forma parte da miña propia paisaxe, da miña vida. As súas pedras
dominando o val son tamén a nosa casa, a de todas e todos os que nos criamos e
medramos baixo a súa impoñente presencia que nos fai sentirnos orgullosos de
ser de Monterrei, non de calquera outro lugar.
Nunha das provincias máis pobres e
despoboadas de España esa é a solución dos que mandan desde hai... (desde
sempre). Quítanlle a posibilidade de gozar libremente dun espazo único ao pobo,
para regalarllo aos que se están enriquecendo coa crise, aos que poden pagar o
luxo, e aínda pretenden que aplaudamos. Somos afortunados porque poderemos
fisgar os cochazos e o estilo de vida
dos novos señores, non como antes, cos condes, que nin se lavaban.
É alucinante que haxa diñeiro
público para restaurar e acondicionar o castelo como hotel, pero non para
coidalo como ben público. Argumentar que facer un hotel é a única maneira de
conservar o edificio é unha falacia e deixa en moi mal lugar á Administración,
que as autoridades deberían ser as máis interesadas en defender, como máximos
representantes da mesma. Como ocorre coa Sanidade ou a Educación, está
comprobado que a xestión do patrimonio cultural, con medios e vontade política,
é máis rendible para o conxunto da sociedade (non sei se para os políticos
responsables desta decisión) que as empresas privadas. Pero non parece haber
vontade nin capacidade, diñeiro si.
Como se pode ver na foto, a 300
metros do castelo hai xa un parador de turismo, nun emprazamento privilexiado e
cunhas instalacións en bo estado. O ano pasado estivo a piques de pechar,
aparentemente por falta de clientes, aínda que os comerciantes da zona
queixábanse da falta de prazas hoteleiras que obrigaban aos turistas a aloxarse
en Chaves (Portugal). O plan é pechar este parador de tres estrelas e
trasladalo ao castelo (repito, a 300 metros), supoño que con cinco estrelas e
menos habitacións. Segundo os responsables da desfeita así atraerase a máis
xente e aumentarase a oferta hoteleira. Alguén o entende?
Cales son as razóns que poden
facer cunha persoa estea disposta a pagar máis por durmir no castelo, cando no
antigo parador podería estar máis tranquilo (sen os fisgóns) e gozar dun fermoso paseo pola fortaleza como calquera
mortal? Xa, claro, sempre haberá quen estea disposta a pagar o que sexa porque
lle sobran os cartos ou por capricho, pero, serán tantos que xustifiquen os
millóns de euros que se prevé investir e o abandono do edificio do antigo
parador? Di o alcalde de Monterrei que xa lle buscarán un uso (como se lle está
buscando á Cidade da Cultura), a iso chámaselle previsión e optimización dos
recursos.
Outro dos argumentos que teño lido
a favor do hotel é a creación de postos de traballo, imposible de refutar con
millóns de parados. Pero é de prever que co parador tamén se trasladen os seus
traballadores, así que quizais haberá algún novo contrato (temporal, claro) que
será para... (si no eres del.... jódete).
Pregúntome porque un uso razoable, cultural e turístico, non pode
crear os mesmos ou máis postos de traballo.
Na miña opinión o que cómpre facer
co castelo e o seu entorno (tamén moi valioso) é restauralo e habilitalo para a
celebración de todo tipo de actos de carácter cultural e lúdico, co único
límite da conservación dos edificios. No propio castelo ou nas casas próximas deberíase situar un museo histórico-etnográfico da comarca (recuperando o
patrimonio depositado noutras institucións, como o Misal de Monterrei ou a
estatua de Dionisio e Ampelos) que sería un foco de atracción por si mesmo
tendo en conta a riqueza do patrimonio cultural da bisbarra (viño e outros
cultivos, contrabando, entroido, balnearios, etc.). O importante é que haxa un
programa de actividades atractivo e dinámico (por medio dun Padroado ou
institución similar) que integre o espazo da acrópole na vida cotiá dos
habitantes da comarca e atraia tamén a visitantes doutras latitudes.
Se algo está claro é a beleza e o
interese de Monterrei, un lugar que todo o mundo debería ter a necesidade de
visitar, só hai que poñelo en valor, dálo a coñecer. Algo que ata agora non se
conseguiu. Son moitos os lugares de Galicia ou España, máis famosos e máis
visitados, que carecen da importancia histórica, arquitectónica e paisaxística
do noso castelo. Campañas efectivas de promoción turística, vinculadas a outros
moitos atractivos da zona (non esquezamos Portugal), fomento das visitas
escolares e de grupos organizados, creación de rutas artísticas e culturais,
impulso do turismo da natureza, programas de axuda para a creación de empresas
de ocio e turismo... serían actuacións moito máis beneficiosas para o conxunto
dos habitantes. Por que non se realizan?
Privatizar o espazo público coa
escusa do abandono do mesmo é un malgasto económico e un empobrecemento xeral
da sociedade, ademais dunha proba evidente do fracaso dos que deben velar polo
patrimonio común, os políticos. Se, ao final, se habilita como
hotel todos os cidadáns e todas os cidadás, de Monterrei ou de fóra, seremos
máis pobres, mesmo os que defenden o cambio de uso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario