Do antigo Caladiños
Entre os
lugares que teñen un espazo importante na miña memoria figura nos primeiros
lugares o castelo-fortaleza de Monterrei que preside maxestosamente o val do
mesmo nome. Subir ao castelo a dar un pasei foi, a aínda é, habitual para os
que alí nos criamos, sobre todo cando queremos ensinarlles ás visitas o mellor
da nosa terra da raia seca. Hai outras lembranzas do castelo, máis
íntimas e algo canallas, ao abeiro da noite, ás veces en boa compañía.
Alí
celebrouse hai anos o xogo de rol, Irmandiños, a revolta, que ten
acadado un gran éxito. Os irmandiños de hoxe gañáronlle aos malfeitores, como
ocorreu tamén na revolta histórica de 1467, aínda que
enseguida deixaron de novo paso aos señores. Grazas a labor de Taboada Chivite, e máis recentemente de
Xerardo Dasairas, podemos coñecer a
historia de Monterrei e imaxinar a vida das xentes que alí viviron.
Monterrei é
un dos conxuntos monumentais (paisaxístico, artístico e militar) máis
importantes de Galicia, sen embargo non ten a sona doutros de menor entidade.
Velo desde o val xa impresiona, pero o mellor é subir andando desde o barrio da
San Lázaro (en Verín) ou, polo menos, facer camiñando todo o Paseo das Donas
desde o cruceiro. É inadmisible que se permita subir cos coches ata a entrada
do Patio de Armas. Ao cruzar a primeira liña de murallas desviámonos á esquerda
e atravesamos a elegante e recia porta principal para achegarnos á fermosa
portada gótica do Hospital de Peregrinos, onde se representa o Tetramorfos.
Unha das
intervencións máis lamentable que se teñen feito en Monterrei constitúea o
asfaltado da rúa que ascende desde o Hospital. Neste país soterramos en asfalto
a terra e as pedras, tan mal lle queremos? Se continuamos cara o cume
percorremos as rúas coas casas en ruínas da aldea, antiga sede do Concello de
Monterrei, ao que pertence o castelo (e non a Verín como os da vila pretenden,
un chisco de localismo non fai mal!). Penso que habería que facilitarlles aos
propietarios desas casas a súa restauración respectuosa co entorno ou que Patrimonio
as merque para destinalas a actividades culturais ou lúdicas, porque a
alternativa é que se veñan todas abaixo. Para poñer en valor todo o recinto fai
falta crear un Padroado que vixíe o seu coidado e leve a cabo unha programación
de actividades que lle dea vida como espazo de lecer e cultura (aquí actuaron
os Heredeiros da Crus ou Amancio Prada).
Podemos
retroceder e subir polo estrada por onde mal acostuman a facelo os coches.
Bordeando a acrópole polo leste había antes un fermoso paseo baixo os tileiros,
pero unha enfermidade acabou con eles. Percibo dous cambios significativos na
paisaxe respecto da miña mocidade: por unha banda, a perda de árbores no monte
e, por outra, o aumento das edificacións ‘en calquera sitio’ do val deixando
cada vez menos espazo ao monte e ás terras de labor (a concentración
parcelaria, autovías e estradas tamén fixeron a súa contribución aos
desafortunados cambios na paisaxe). Seguindo a rota anterior torcemos á
esquerda nunha entretida camiñada entre portas e cercas.
A outra
alternativa supón rodear o núcleo do castelo polo sur, seguindo as liñas das
potentes murallas e garitas que miran ao sur, a Portugal. Desde este lado
podemos ver aos nosos pés o Parador Nacional que nos puxo D. Manuel (grazas!)
construído por riba do antigo Colexio de Xesuítas, un centro educativo de moita
relevancia. Antes, arredor de 1490, instalárase en Monterrei a primeira
imprenta de Galicia. Merece a pena deterse a mirar o castelo: o muro ameado, a
igrexa, a Torre das Donas e, sobre todo, as bonitas galerías do Pazo dos
Condes.
Entrando no
Patio de Armas recíbenos un pozo con lenda. A lenda di que hai un túnel
escavado desde o pozo ata a única fonte do entorno. Este era o gran problema da
fortaleza e para protexer a fonte se construíu un pequeno parapeto militar
durante as guerras con Portugal no s. XVII, a Atalaia. Unha vez visitado o
castelo, paga a pena dar un pequeno paseo ata a Atalaia e a fonte. Cando eramos
nenos tamén non dicían que arroxaban ao pozo aos condenados, daquela non
sorriamos.
A igrexa
románico-gótica de Santa María é pequena pero cun gran valor artístico: os
canzorros, a portada gótica ao norte rodeada por tumbas baixo arcos e no seu
interior o retablo de pedra con escenas da Paixón.
Por suposto,
hai que contemplar desde o patio, de vagar, as dúas galerías renacentistas. A
sucesión de columnas e piares, coroados pola Torre das Damas forma unha fachada
de gran elegancia e fermosura. No restaurado interior do pazo podemos visitar o
Museo.
Deixo para o
final a Torre da Homenaxe ou de D. Sancho, do século XV, de grosos e sobrios
muros. Non me canso de subir a ela, mirando polas ventás de cada andar, tocando
os sinais dos canteiros que labraron os perpiaños, ata chegar arriba e desde
alí dominar coa vista o val de Monterrei. A pesar dos estragos podemos pasar un
bo rato mirando cara norte, o monte de San Salvador e o descorrer do río Támega
desde a serra de San Mamede, ao leste vemos a vila de Verín (como case todas as
de Galicia, fea, chea de abusos urbanísticos) e ao fondo os montes de
Campobecerros, Ríos e Vilardevós, cara o sur seguimos o Támega cara a raia e
Chaves, a terra dos inimigos de onte, aos que tanto lles debe a fortaleza. Cara
o oeste, ao fondo, no alto, o mítico monte Larouco, e no val o río Búbal leva
as súas augas cara o Támega. A súa beira Vilaza, e dous quilómetros ao norte,
Albarellos de Monterrei e a rúa dos Caladiños.
1 comentario:
Moi boa e patriótica entrada!
Publicar un comentario