Para comezar debo agradecer a recomendación deste libro en dous tomos a Heladio, Prol e Sergio, valorando que valía a pena. Eu persoalmente tamén o recomendo, debido a que é un gran libro e un gran cómic, aparte das leccións de Historia implícitas e explícitas no medio da narración histórico-ficticia ambientada nos anos 30 e 40. Principalmente, ben documentada, aínda que segundo Rubén Prol ten algúns erros. Ao mesmo tempo, estes tomos entretéñente durante toda a lectura, enganchándote e dándoche ganas de seguilos lendo ata terminalos, querendo saber que sucede a continuación, con escenas cómicas, melancólicas… e con frases intrigantes. Quedei enganchado desde a primeira frase que basicamente dicía: “Ahora que los tres Adolph han muerto puedo contaros su historia”.
Este fantástico libro, de Osamu Tezuka, autor que sentou as bases da “historieta xaponesa”, coñecido en Xapón como “o Deus do manga”, trátase dunha das súas obras máis importantes, publicada en 1983, poucos anos antes da súa morte en 1989. En España foi presentado ao premio a mellor obra estranxeira no salón do cómic de Barcelona e premio ao mellor cómic por votación popular no 2000 e 2001 no mesmo salón. Datos da valoración xeral das persoas que coñecen esta obra e que, coma min, quedaron gratamente sorprendidos por ela.
Esta é unha das críticas de Adolf: “El relato es tan inmenso que salta de un género a otro, no se contenta con un sólo estilo y toca todos los registros: lo cómico, lo patético, lo cruel, lo emotivo… Denso y desconcertante como la vida misma, Adolf es un título de lectura obligada“. (Trajano Bermúdez, autor do libro Mangavisión: guía del cómic japonés; Ediciones Glénat, 1995).
O libro xira ó redor de tres personaxes principais, tres Adolf ligados pero completamente diferentes ao mesmo tempo, que pouco máis tiveron en común que o nome e a orixe alemá dos tres.
Aparte destes tres personaxes, a historia tamén xira ao redor dun xaponés chamado Sohei Toge, o cal se ve involucrado nesta historia, loitando pola súa propia xustiza, ao igual que todos os Adolf o fixeron, aínda que cada un tivese a súa propia e distinta idea de cal era a verdadeira xustiza.
Ademais dos personaxes masculinos protagonistas desta monumental banda deseñada, son tamén importantes os personaxes femininos que os rodean, desde a nai cariñosa e protectora, á muller fatal e sedutora, á amiga leal e a idealista inquebrantable, entre outros personaxes profundamente melancólicas en cada caso, por diferentes motivos, que transcorren ao redor do amor, da dor, da morte e do abandono.
En definitiva, obra de un gran autor, obra que nos conta unha grande historia, obra que merece a máis forte recomendación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario