sábado, 11 de decembro de 2010

O cromosoma dos dereitos humanos

“62 anos despois da súa aprobación e proclamación, nunha histórica Asemblea Xeral de Nacións Unidas no ano 1948, o mundo suspende en Dereitos Humanos. 
Hoxe a noticia sería que un acusado fracaso escolar en Pedagoxía Aplicada para os Dereitos Humanos delata o pulso vital dese vello e violento planeta Terra.
A fame, a precariedade laboral, o acoso, o maltrato, a violencia, a discriminación, a censura, a inxustiza, a escravitude, a tortura, a detención arbitraria, a persecución ideolóxica, o sexismo, a falta de liberdade, a pobreza, a negación da educación, do acceso á cultura... son escuros vermes identificados como especies que se reproducen e medran con abafante facilidade e se resisten a engrosar a categoría de “en perigo de extinción” (...)
(...) Ás vítimas, aos desherdados da terra, asísteos todo o dereito do mundo, cando menos, a acomodarse na nosa conciencia e, desde ese acubillo, coas súas voces desesperadas e agudas, removela, axitala e espabilala. Pero non buscan compaixón. Buscan xustiza. A compaixón, como advirte o xornalista Alfonso Armada, non avanza nas raíces da inxustiza e consagra o desastre como estado natural dalgúns territorios. E é que, como tamén dixo Eduardo Galeano, a pobreza non está escrita nos astros nin a miseria é o froito dun escuro designio de deus. Xa que logo, as cifras poden cambiarse. É o get up, stand up , que cantaba Bob Marley contra o apartheid en Sudáfrica.
(...) O secuestro dos dereitos humanos vive día a día canda nós (...) Non hai máis que lembrar a Montse Labrada, asasinada hai uns meses en Lugo polo seu home, profesor de instituto. Ou ás persoas sen teito que carecen de albergue en Vigo.
(...) É a confusión que nos provocan as novas sociedades globalizadas, multirraciais, multiétnicas, multiculturais, plurilingües. Pero a igualdade e a xustiza non existen se non se recoñece a diferenza.
(...) Se somos quen de crer nos Dereitos Humanos, seremos quen de respectalos. Non pode haber credo máis verdadeiro nin relixión máis universal.
E tamén hai que crer na utopía. Porque só se conseguen as cousas nas que se cre. E porque o respecto aos Dereitos Humanos, construídos a partir da palabra, asentan no individuo o cromosoma máis característico que identifica a nosa especie: a racionalidade.

(Extracto de ‘O cromosoma dos Dereitos Humanos’ de Fran Alonso)

Ningún comentario: