luns, 28 de decembro de 2009

Honra a Ribeiro Santos! Militante antifascista


Unha das moitas afeccións raras (ou manías) que cultivo nos últimos anos é a de ter un álbum en flickr adicado ás pegadas da Historia nas rúas das cidades e aldeas que visito. Na ponte da sagrada Constitución atopei unha rúa adicada a Ribeiro Santos en Lisboa, coa sinxela e fermosa lenda de ‘militante antifascista’. Que cualificativo máis positivo se pode atribuír a unha persoa? Militante antifascista, unha obriga de todos pero que só algúns son quen de levar ata as últimas consecuencias. Non é un heroe conquistador, nin un ‘padre de la patria’, só un militante antifascista, un exemplo que recordar, como deberiamos facer en España con todas as vítimas do franquismo e que tanto está a custar aínda hoxe.


José Antonio Ribeiro Santos morreu asasinado no Instituto Superior de Ciências Económicas e Empresariais (hoxe, ISEG) o 12 de outubro de 1972. Un membro da policía política da ditadura que establecera Salazar, a PIDE, chamado António Joaquim Gomes de Rocha, pegoulle un tiro mentres se desenvolvía un mitin contra a represión policial. Era un estudante de 4º de dereito, dirixente da Associação de Estudantes e militante da organización do MRPP para a xuventude estudantil. Tiña participado en todas as loitas pola Democracia, contra a Ditadura e contra a guerra colonial.

En 1972 a conflitividade na Universidade era constante. A Facultade de Dereito estivo moito tempo pechada pola policía e en todo Portugal medraban as protestas contra a guerra colonial en Angola e Mozambique. Os días seguintes ao asasinato e no mesmo enterro producíronse duros enfrontamentos entre os milleiros que manifestantes que protestaban polo crime e a policía que tomou Lisboa. O réxime tiña os días contados, pero o crime quedou impune, mesmo despois do 25 de abril de 1974, cando caeu a Ditadura.

Recollín a información sobre Ribeiro Santos do blog de Antonio García Pereira, testemuña do acontecido e colega de José Antonio, que remata así o seu artigo:


Um Povo sem memória e sem causas será sempre um Povo castrado, derrotado, tiranizado. E não há Poder algum, por mais despótico que se apresente, que seja invencível.
É, pois, procurando dar também o meu contributo para a preservação dessa mesma memória colectiva que aqui ergo a minha voz, arrancando ainda e uma vez mais do fundo da minha alma o grito de Honra a Ribeiro Santos!

http://garciapereira2009.blogspot.com/2009/10/honra-ribeiro-santos.html

Ningún comentario: