xoves, 18 de marzo de 2010

Roberto Blanco Torres


Roberto Blanco Torres, nado en Cuntis o 18 de marzo de 1891 e finado en Entrimo o 3 de outubro de 1936, foi un xornalista e poeta galego. A súa casa familiar estaba na antiga rúa Lanuza.

Era o menor de nove irmáns. Súa nai, Carme Torres era mestra e o pai, Pedro Blanco, fixera estudos eclesiásticos. Na casa recibiu unha sólida formación cultural.

Seguindo os pasos dos seus irmáns maiores en 1906 emigrou a Cuba, e alí comezou a colaborar na prensa da comunidade galega na illa, para o que emprega o pseudónimo de Fray Roblanto, e tamén envía artigos á prensa galega e española. O trato con Antón Villar Ponte e Ramón Cabanillas foi decisivo para a súa traxectoria ideolóxica. En Cuba fundou e dirixiu dúas publicacións: La Alborada (1912) e La Tierra Gallega (1915), bilingües e de carácter galeguista. Amosouse crítico coa emigración e o caciquismo. Despois de coñecer e facer amizade con Basilio Álvarez fai súa tamén a causa agrarista.

A finais de 1916 volve a Cuntis, onde frecuenta as tertulias no Balneario (cunha gran afluencia neses anos) e forma parte da redacción de El Eco de Cuntis. Colabora tamén en A Nosa Terra e El Ideal Gallego.

Participou activamente nas Irmandades da Fala, e en mitins agraristas e autonomistas. Chegou a ser director do diario agrarista La Zarpa. Entre 1924 e 1928 viviu en Vigo, onde traballa no Diario de Vigo, sendo encarcerado por apoiar unha folga de xornalistas. Para esquivar á censura da Ditadura de Primo de Rivera chega a escribir un artigo en latín.

Despois dun enfrontamento con Portela Valladares é condenado a pagar unha multa de 1.500 ptas. e ao desterro a 150 km de Vigo. Marcha A Peroxa, terra da súa muller, onde escribe o seu único libro de poemas Orballo de media noite (1929).

O seu ideario republicano e galeguista faino ter un papel protagonista na vida política durante a II República. Integrouse na ORGA (Organización Republicana Galega) e foi membro do comité executivo da Federación Republicana Gallega.

En marzo de 1931, asumiu a dirección de La República de Ourense, ao tempo que comezou a desilusionarse coa actuación do seu grupo político na consecución da autonomía para Galicia. Aínda así aceptou o cargo de gobernador civil de Palencia entre o 29 de decembro de 1931 e o 16 de xuño de 1932. En 1935 dirixiu El País de Pontevedra, e dende maio de 1936 foi o xefe do gabinete de prensa do Ministerio de Gobernación, participando activamente na campaña para a aprobación do estatuto de autonomía de Galicia en xuño de 1936.

A sublevación militar do 18 de xullo de 1936 sorprendeu a Blanco Torres na aldea de Amido, no concello da Peroxa, na casa familiar da súa muller. Detido polos franquistas, en setembro foi levado á prisión de Ourense, e o 3 de outubro de 1936 foi paseado polos fascistas que o fusilaron no concello de Entrimo.

Despois de máis de sesenta anos de esquecemento, no ano 1999 adicóuselle o Día das Letras Galegas.


Blanco Torres no blog Memoria de Cuntis


Vanessa Aboy (4ºA)

mércores, 17 de marzo de 2010

John F. Kennedy


John Fitzgerald Kennedy naceu o 29 de maio de 1917, en Massachusetts. A súa familia era de orixe irlandés. O seu pai, Joseph Kennedy, era embaixador de EEUU en Gran Bretaña xusto antes da Segunda Guerra Mundial e posuía unha das maiores fortunas do país. Estudou nas universidades de Princeton (1935) e Harvard (1936), onde se graduou en Ciencias Politicas.

Durante a II Guerra Mundial serviu na mariña de guerra co grao de tenente de navio. Alí converteuse nun heroe de guerra. A bordo do seu patrulleiro PT109 foi atacado por un patrulleiro xaponés. Permaneceu durante 30 horas no mar, a fin de manter con vida a algúns compañeiros gravemente feridos. Deste xeito agravou unha lesión de costas que sufrira xogando ao futbol americano, e que lle causaría molestias durante toda a súa vida.

No ano 1946 foi elixido deputado polo Partido Democrata e, en 1952, chegou a ser Senador polo estado de Massachusetts.

En novembro 1960 gañou as eleccións como candidato do Partido Democrata. O candidato Republicano era Richard Nixon. En xaneiro tomou posesion do seu cargo e converteuse no primeiro presidente católico e o mais nov de toda a historia de Estados Unidos.

Durante o seu mandato intentou a invasión da Cuba castrista, rematando coa derrota de Bahia Cochinos, en abril de 1961. Un ano máis tarde obrigou a desmantelar as bases de mísiles soviéticas en Cuba, o momento máis quente da Guerra Fría. Tamen realizou unha serie de reformas lexislativas, destacando os dereitos civís e a promoción a postos públicos da minoría negra discriminada.

O 22 de novembro de 1963 foi asasinado en Dallas, mentras ía no seu coche nunha viaxe oficial. Lee Harvey Oswald foi detido, acusado de cometer o atentado. Este último foi á súa vez asasinado por Jack Ruby antes de que puidese testemuñar no xuízo. Hoxe aínda non se sabe quen ordenou o asasinato.


Antón Castroagudín (4ºA)

domingo, 14 de marzo de 2010

O Casón


O Casón foi un cargueiro de bandeira panameña que o 5 de decembro de 1987, mentres navegaba fronte ás costas galegas, sufriu un accidente debido a un temporal que fixo que a carga se movese e provocase un incendio. O barco foi deliberadamente embarrancado na costa por remolcadores españois en Fisterra na punta de Castelo, ao sur da praia do Rostro. Faleceron 23 dos 31 tripulantes do navío, todos de nacionalidade chinesa.

O Casón transportaba unha carga de 1.100 toneladas, consistentes en 5.000 bidóns, sacos e contedores de produtos químicos inflamables (xileno, butanol, butil de acrilato, ciclohexanona, sodio), tóxicos (aceite de anilina, difenilmetano, ou-cresol, dibutilflato) e corrosivos (ácido fosfórico, anhídrido alifático), que se embarcaron nos portos de Hamburgo, Rotterdam e Amberes para dirixirse ao porto chinés de Shangai.

O vertido e posterior incendio da carga do navío na tarde do 10 de decembro, emitido en directo pola TVG, ao entrar en contacto a auga de mar coa carga de sodio, provocou unha grande alarma social, aumentada pola falta de información das autoridades, xa que os materiais podían explotar ao contacto coa auga provocando unha nube tóxica, polo que o goberno galego, presidido por Fernando González Laxe, que acababa de tomar posesión había poucas semanas, executou unha recomendación da delegación do Goberno, quen decidiu evacuar a toda a poboación de Fisterra, Cee e Corcubión (unhas 15.000 persoas) cara a Santiago de Compostela.

O Delegado do Goberno, García Sabell, anunciou pola Radio Galega a noite do 10 ao 11 de decembro que 700 autobuses se dirixían a Fisterra para executar a evacuación, o que provocou o pánico dos veciños, que fuxiron polos seus medios, principalmente cara a Vimianzo, Carballo, Muros, Carnota e A Coruña.

Algúns veciños de Fisterra, a maioría de avanzada idade, decidiron quedar na vila a pesar da histeria e das molestias respiratorias que causaba o fume, como comechóns de garganta, mareos e sequidade nas mucosas nasais. Os refuxiados en Santiago queixaríanse ante as cámaras da TVG esa mesma noite da improvisación e a falta de medios da evacuación, xa que, nos pavillóns deportivos que actuaron de refuxio, non había nin sequera colchóns nos que poder deitar os nenos máis pequenos.

O Goberno Central decidiu levar a carga ao cuartel de infantaría de Parga, no concello de Guitiriz, pero unha barricada veciñal, que ocupou a estrada con pneumáticos ardendo, impediu o acceso dos camións cargados co material do Casón, e producíronse enfrontamentos coa Garda Civil. Posteriormente decidiuse trasladar a carga ao peirao de Alumina-Aluminio (hoxe ALCOA) en San Cibrao (Lugo), onde se reproduciron os enfrontamentos, impedindo o comité de empresa o paso dos camións. A planta modernizou as súas instalacións con financiamento público a cambio deste servizo, e despediu aos 23 membros do comité de empresa que bloqueara o paso da carga. Finalmente a carga desembarcou en Amberes.

O barco foi despezado no lugar onde varou, aínda que a maior parte da súa estrutura e o pecio permanecen baixo as augas da praia do Rostro.

No 2008 estrouse un documental sobre este naufraxio que conmoveu á sociedade galega.

Tania Caeiro (4ºA)

martes, 9 de marzo de 2010

10 de marzo: Día da Clase Obreira Galega


A loita antifranquista en Galicia, protagonizada basicamente polo Partido Comunista e o sindicato das Comisións Obreiras, acadou o seu momento culminante en 1972 con conflitos laborais en Ferrol (marzo) e Vigo (setembro).

O PC e as CC OO centraron a acción na consecución dun convenio laboral nos asteleiros de Bazán. O conflito comezou a finais de 1971. Os traballadores pedían melloras salariais, redución da xornada a 42 horas semanais e un mes de vacacións, así como o 100% do salario no caso de enfermidade ou accidente e a readmisión dos despedidos. O 10 de marzo, unha manifestación obreira foi reprimida polas forzas de orde pública, co resultado de dous obreiros mortos (Daniel Niebla e Xulio Aneiros) e máis de vinte feridos.

"Aquela noite (10-3-1972) reunímonos uns cantos dirixentes de CC OO (...) e preparamos as mobilizacións do día seguinte para reclamar a reapertura da factoría Bazán e a readmisión dos despedidos (...). Ao ver que as portas estaban pechadas decidimos realizar unha manifestación cara o barrio de Caranza, xa que alí traballaban moitos obreiros da construción aos que iamos pedir solidariedade (...). Pasado xa o cruce das Pías chegaron numerosos coches da Policía (...). Daniel Niebla caeu diante de min morto dun tiro na fronte e Xulio Aneiros foi ferido de gravidade dun balazo no pescozo".

Rafael Pillado. 'O dez de marzo en Ferrol', A Nosa Terra, Novembro, 1998

En solidariedade coas vítimas e os detidos houbo numerosas folgas. Finalmente, o 21 de marzo, abriuse de novo a fábrica, cos obreiros vixiados pola policía e con 160 traballadores despedidos, moitos deles enlaces sindicais.

En setembro, os obreiros da factoría de Citroën de Vigo realizaron unha longa folga que se estendería pola bisbarra durante quince días. As demandas eran as mesmas que en Ferrol e a represión tamén similar, co despido de 400 traballadores. Nos anos seguintes o aumento das mobilizacións, á par que os xuízos no TOP (Tribunal de Orden Público) puxeron de manifesto a debilidade da ditadura e a capacidade de mobilización das forzas de oposición.

No ano 1997, o Parlamento de Galiza aprobou por unanimidade unha declaración institucional onde facía constar o especial significado do 10 de marzo, celebrado polas principais organizacións sindicais do país como Día da Clase Obreira Galega. A efeméride acadou rango oficial en 2006.

O 25 de xuño de 1991 o Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia promoveu en Santiago de Compostela a creación da Fundación 10 de Marzo. É unha institución de carácter cultural que ten entre os seus obxectivos a organización do Arquivo da Historia Sindical de Galicia, a constitución de fondos centrados no mundo do traballo e a promoción da investigación histórica sobre o mundo laboral e a súa difusión na escola e na sociedade. Así a Fundación conta cun abundante e interesante material didáctico de moito interese para que os noso alumnado coñeza a Historia do Movemento Obreiro en Galicia, así como a propia Historia da nosa terra.

luns, 8 de marzo de 2010

Xoán Xesús González


Naceu en Sevil, Cuntis, o 9 de novembro de 1895. En Cuntis traballou de peón nunha canteira. De familia de modestos campesiños tivo que traballar ao tempo que estudaba. Trasladouse a Santiago onde estudou Maxisterio e foi redactor dun xornal chamado “El compostelano”. Tamén formou parte do grupo de teatro da súa universidade.

Xoán Xesús exerceu durante un tempo como mestre pero pediu a excedencia para poder estudar dereito. Participou no movemento estudantil, chegando a ser vicepresidente da Asociación Profesional de Estudantes de Dereito, e entrou en contacto con outros estudantes galeguistas como Luís Seoane ou Ánxel Fole.

Agrarista convencido, participou en mitins agraristas e anticaciquís e publicou o folleto En pé campesiños. Nacionalista e socialista, colaborou do semanario A Nosa Terra e fundou o xornal El País Gallego (1927-1931). Dirixente da Agrupación Nacionalista Independente de Compostela deixou esta agrupación no momento que ela se integrou no Partido Galeguista xa que Xoán Xesús era tamén secretario da agrupación socialista local de Santiago, ademais rexentaba o seu propio bufete de avogados e mantiña con Arturo Cuadrado a librería Niké de carácter galeguista.

Descontento co PSOE, no que militaba, ante o feble impulso autonómico, en maio de 1931 fundou o Seminario de Estudos Socialistas que en agosto se converteu no partido político Unión Socialista Galega, na que se conxugaba socialismo e galeguismo. Tralo fracaso nas eleccións de 1933, o partido disólvese, integrándose en Izquierda Republicana. En xaneiro de 1934 fundou unha organización denominada Agrupación al Servicio de la Autonomía. En abril entraba na directiva de Izquierda Republicana e, tras unha serie de desacordos que acabaron na súa expulsión, fundou con varios amigos a Vanguardia de Izquierda Republicana.

Escribiu ensaio, teatro, novelas e poesía. En 1933 publicou Regionalismo, nacionalismo, separatismo na editorial Nós. Un aspecto interesante a destacar na figura deste ilustre da cultura galega é o da defensa da igualdade entre os sexos.

Ó estoupar a Guerra civil púxose o fronte dun grupo de cincuenta obreiros de Teo coñecido como O Terzo de Calo que se dirixiu cara a Compostela para defender a legalidade republicana chegando o 20 de xullo pola noite á cidade. Tras a ocupación da cidade polos militares ao día seguinte, Xoán Xesús estivo fuxido polos montes de Cuntis. Foi detido na Estrada, un día de feira onde acudira a unha cita. Trasladado á prisión de Santiago os sublevados fusilárono o 12 de setembro de 1936 , nas tapias do cemiterio de Boisaca en Santiago. A súa familia trasladou os seus restos ao cemiterio de Cequeril en 1941 onde repousaron nunha tumba anónima.

A asociación cultural O Fervedoiro ten levado a cabo unha serie de actos para recuperar a súa memoria. Os concellos de Cuntis e Santiago déronlle o seu nome a dúas rúas a petición da Asociación que tamén lle ten reclamado á Real Academia Galega que lle sexa adicado un Día das Letras. O Fervedoiro tamén elaborou unha exposición sobre a súa figura que xa se puido ver en distintas localidades.


Xoán Xesús González no blog Memoria de Cuntis


Mónica Campos (4ºA)

domingo, 7 de marzo de 2010

Kim Phuc



O 8 de xuño de 1972, poucos anos antes de rematar a Guerra de Vietnam, un avión de Estados Unidos bombardeou con napalm a poboación de Trang Bang. Alí atopábase Kim Phuc coa súa familia. Coa súa roupa en chamas ardendo a 1200º, a nena de nove anos correu fóra da poboación. Nese momento, cando as súas roupas xa foran consumidas, o fotógrafo Nic Ut rexistrou a famosa imaxe. Logo, Nic Ut levaríaa ao hospital. Permaneceu alí durante 14 meses, e foi sometida a 17 operacións de enxertos de pel.

Hoxe en día Pham Thi Kim Phuc, a nena da fotografía, está casada, ten dous fillos, e reside en Canada. Preside a 'Fundación Kim Phuc', dedicada a axudar a nenos vítimas da guerra e é embaixadora para a UNESCO. Viaxa polo mundo para cambiar a mensaxe, como ela mesmo di: “A miña foto é un símbolo da guerra, pero a miña vida é símbolo do amor, a esperanza e o perdón”.

venres, 5 de marzo de 2010

O Che


Ernesto Guevara de la Serna naceu o 14 de xuño de 1928 en Arxentina. Foi un revolucionario de América Latina e líder político, e a súa negativa a unirse tanto o capitalismo e o comunismo ortodoxo fixo del un heroe dos novos grupos de esquerdas que xurdiron na década de 1960. O Che, convencido de que a revolución era a única solución para acabar coas inxustizas sociais existentes en América Latina en 1954 foi a México, onde se uniu ao Movemento do 26 de xullo, un grupo de revolucionarios liderado por Fidel Castro. A finais dos anos 1950, participou na guerra de guerrillas lanzada por Castro contra o ditador cubano Fulgencio Batista. Cando Fidel Castro chegou ao poder en 1959, tras o triunfo da Revolución Cubana, Guevara converteuse en ministro de Industria (1961-1965).

A súa inquietude revolucionaria, fíxoo saír de Cuba en segredo, en 1965, e ir ao Congo, onde loitou a prol do movemento revolucionario en curso, convencido de que só unha insurrección armada era eficaz contra o imperialismo. Aliviado das súas posicións no goberno cubano, o Che Guevara volveuse a América Latina en 1966 para iniciar unha revolución a nivel continental. Escolleu Bolivia, pola súa posición estratéxica, como un centro de operacións para a instalación dun grupo guerrilleiro que puidera irradiar a súa influencia para a Arxentina, Chile, Perú, Brasil e Paraguay.

Liderando un pequeno grupo intentou aplicar a súa teoría. Sen embargo, a súa acción non prendeu nas masas bolivianas. Foi delatado polos agricultores locais e caeu nunha emboscada do Exército Boliviano e da CIA, na rexión de Val Grande, onde foi apresado. Fusilárono o 9 de outubro de 1967.

Andrea Correa (4ºA)

luns, 1 de marzo de 2010

Ana González, loitadora polos dereitos humanos en Chile


O 30 de abril de 1976, terceiro ano da ditadura de Pinochet en Chile, Ana González e seu marido, Manuel Recabarren, teméronse o peor cando dous dos seus fillos, Luis Emilio e Manuel Guillermo, así como á muller embarazada de Luis, Nalvia, non chegaran á casa despois do traballo a noite anterior. Mentres Ana coidaba dun neto, Manuel buscou a seus fillos.

Ana non volveu ver aos seus fillos, nin a súa nora, nin ao seu marido. Tampouco soubo nada do que lles pasara. Os catro forman parte dos ‘desaparecidos’ polo réxime de Pinochet.

Ana adicou o resto da súa vida a buscar respostas sobre o que lle pasara a súa familia e aos outras 3.000 persoas desaparecidas durante a ditadura de Pinochet (1973-1990). Participou en folgas de fame, manifestacións, escribiu aos xuíces e ás autoridades... Sempre coas fotografías dos seus seres queridos colgadas do pescozo.

A súa loita foi moi importante para romper a indiferenza da sociedade chilena que non se vira afectada pola violencia: “Nunca pensaron que unha muller, unha ama de casa que non sabía nada, nin sequera onde estaban os tribunais, se levantaría en armas”, di Ana.

O ano pasado a súa imaxe formou parte dunha campaña gobernamental para relacionar as mostras de ADN dos familiares cos restos diseminados de supostas vítimas do terror: “Hoxe segue habendo moitos osos que se teñen que identificar para que un días as familias poidan chorar as súas perdas”, explica Ana. A campaña dicía: ‘Vivís en nosotros, os llevamos en la sangre’.

Para José Manuel Vivanco, director de Human Rigths Watch en América “Ana representa a voz de alguén sen odio. Fala do seu caso de dos dereitos humanos en Chile dunha forma calmada e serea”.

Ana González segue activa os seus 84 anos: “Como poden pedirnos que nos esquezamos e pasemos páxina cando as consecuencias para familiar e xeracións enteiras foron terribles”.

domingo, 28 de febreiro de 2010

A intoxicación polo aceite de colza

No 1981, en España, morreron 1.100 persoas a causa do envelenamento do aceite de colza, outras 60.000 foron intoxicadas, segundo a Organización de Consumidores e Usuarios. 25.000 destas persoas acabaron con secuelas irreversibles.


Os primeiros casos manifestáronse a principios de maio dese ano e inmediatamente o Goberno anunciou que o responsable da "nova epidemia" era unha partida de aceite de colza desnaturalizado, distribuído en venda ambulante como aceite de oliva. Pero non todos os científicos concordaban nas causas do envelenamento; investigouse se non podían ser tomates contaminados cunha pesticida organofosforado de uso ilegal en España, hipótese sostida polo médico militar tenente coronel Luís Sanchez Monje Montero ou se a causa era un mico-plasma, de transmisión aérea, que tras 10 días de incubación xera os mesmos síntomas de envelenamento gástrico. Hipótese que foi sostida polo Dr. Antonio Muro e Fernández Cavada, director en funcións do Hospital do Rei en Madrid.


O Dr. Fernando Montoro e a Dra. Concepción Sáenz Laín escribiron un artigo postulando que a causa da Síndrome Tóxica podía ser un fungo que crece sobre a colza e produce aflatoxinas, á súa vez rexeitaron a hipótese de que fose contaminación con anilina. Luís Frontela Carreiras, catedrático de Medicamento Legal e director do Instituto de Ciencias Forenses da Universidade de Sevilla, presentou un informe onde postula que o responsable podería ser un nematicida (veleno para parasitos das raíces) coñecido como Nemacur, producido e utilizado na Comunidade Valenciana. Houbo quen tamén pediu que se investigase a posibilidade de que a causa fose a utilización de recipientes de cadmio, metal do cal os ácidos a baixas temperaturas son solventes, así a causa podería ser unha contaminación progresiva con metais pesados.


As investigacións multiplicáronse en varias partes do mundo, sabíase que devandito aceite é mortal para o gando vacún, pero nunca se tiñan coñecido casos de intoxicación en humanos. En España, Luís Frontela, catedrático de Medicamento Legal da Universidade de Sevilla, realizou un experimento onde se alimentou a ratos con pementos e tomates que previamente foran tratados cun nematicida organofosforado (3metil-4-metiltiofenil isopropilamido fosfato). «Entre o 1% e o 20% dos animais así alimentados morreron. O resto reproducen as principais lesións da síndrome tóxica. En cambio os ratos aos que se lles forneceu aceite de colza o único que fixeron foi engordar»


En outubro de 1989 a investigación xudicial pechouse coa publicación da sentenza que exonerou aos importadores e empacadores do aceite por non comprobarse que tóxico puntual causou os envelenamentos.


Sheila Martínez (4ºA)

sábado, 27 de febreiro de 2010

Caderno escolar de 1954


No Museo Escolar Ferro Couselo do nos colexio contamos, grazas a Jesús Carballo, cun caderno escolar de 1954 da escola de Troáns, cando o alumno tiña 11-12 anos, xusto a etapa anterior ao abandono da escola. É, coma a maioría dos cadernos da época, sinxelo e moi ben presentado, con boa letra (co sangue entra). Entre ditados, contas e exercicios de gramática podemos atopar textos coma os que reproduzo abaixo que nos permiten coñecer dunha fonte directa o verdadeiro carácter da escola franquista:

"Comemoramos un nuevo Día de la Victoria, con su alegría de canciones juveniles, que recordarán a todos que España empezó a renacer aquel inolvidable 1º de Abril de 1939, en que la Guerra contra los traidores terminó.
Franco nos trajo con la victoria, la paz, y con la paz el bienestar social que poco a poco irá cambiando el modo de vivir de los trabajadores españoles, hasta ponerlos al nivel de los mejores del mundo.
Recordemos pues, esta victoria con orgullo de españoles y cumplamos con nuestro deber, para que no se malogre"

¡Arriba España!
"Este grito de combate de la Falange, que ha hecho suyo España entera expresa nuestra decisión de alzar a la Patria a la cumbre de su grandeza.
Al decir ¡Arriba! decimos, no solo nuestras aspiraciones de la permanencia de España, sino también la ilusión de que esa permanencia sea ocupando uno de los puestos principales en el concierto de las naciones civilizadas."

Por el imperio hacia Dios
"Es esta la bellísima consigna que el Caudillo dio al Frente de Juventudes. Consigna que nos invita a luchar a trabajar continuamente día a día, para conseguir que España llegue a ser un Imperio orientado y dirigido al servicio de los grandes ideales de nuestra sacrosanta Religión, y cuyo significado podemos resumir así: Servir a España, para mejor servir a Dios."

Europa
"La parte del mundo de la cual forma parte nuestra amada España es Europa, que a pesar de tener solo 10.000.000 km2 tiene mayor superficie de costas que cualquiera otra y sus hombres son los más cultos e inteligentes del mundo. (...)
En Europa tenemos el diminuto Estado de Vaticano desde donde su Santidad el Papa dirige la Iglesia Católica del mundo entero."

"Hoy ha comenzado el Curso Escolar en la Escuela Nueva. Es un local bastante grande y antes de entrar lo vino bendicir el Sr Cura. (...)
El trabajo va a ser duro, pero así será más provechoso, y podremos servir mejor a Nuestra Patria y ganar el Cielo después de la muerte."

"Dialecto: es la variedad que imprimen a muchas palabras de un idioma.
Dialectos hispanos: son, Gallego, Catalán, Valenciano y Mallorquín los más extendidos."

venres, 26 de febreiro de 2010

O mito castrista

Este artigo publiqueino no antigo Caladiños o 24 de febreiro do 2008, cando Fidel se puxo o chándal. Hoxe, creo, segue estando vixente. En recordo de Orlando Zapata Tamayo, un dos 55 presos de conciencia adoptados por Amnistía Internacional en Cuba.

Desde a Revolución Cubana que levou ao poder ao 'galego' Fidel Castro en 1959, o mito castrista instalouse entre a esquerda occidental. Converteuse no modelo a seguir como alternativa ao imperialismo de EE UU no continente americano e, por extensión, no resto do mundo pobre.

Eu tamén participei desa fascinación pola Cuba libre e comunista, resistente fronte ao acoso dos malvados ianquis.

Durante o curso 1994-95, cando andaba de profesor polas fermosas terras da Pontenova, á beira do Eo, un episodio aparentemente menor fíxome cambiar de opinión. Unha alumna de 3º da ESO mantiña correspondencia cunha rapaza cubana, despois de ter conectado con ela a través dunha revista ‘para adolescentes’. A nai da nena levaba o bar do Instituto e era amiga miña. Comentoume que quería traer a nena cubana a pasar o verán na súa casa, xa que nas cartas lle contaba as moitas penalidades que pasaba. Pediume que mirase o que había que facer para organizar a viaxe. Púxenme en contacto con consulado cubano en Santiago e a resposta foi decepcionante: “De ninguna manera puede salir del país antes de cumplir los 18 años”.
Pareceume tan inxusto, tan inhumano, que unha persoa non poida saír libremente do seu país que desde aquela todas as informacións sobre Cuba que antes obviaba ou minusvaloraba, pasaron a un primeiro plano á hora de valorar o réxime castrista. De súpeto, deime de conta de conta do que pasaba, do que significaba vivir en calquera Ditadura, sexa cal sexa o adxectivo que a acompaña: revolucionaria, comunista, antiimperialista ou socialista. Deixei de pechar os ollos, e conceptos como represión, censura, partido único, pena de morte, balseros
(documental), disidentes, acadaron o seu verdadeiro sentido.

Tiven, e aínda teño, fervorosas discusións con amigos meus. Aos meus argumentos sempre responden co xustificada que foi a revolución fronte a ditadura de Batista, que convertera á illa no prostíbulo de EE UU; ca necesidade de tomar medidas extraordinarias fronte aos intentos de derrocar ao réxime e ao bloqueo impulsados por EE UU; coa comparación entre as condicións de vida dos cubanos (sobre todo no referente á educación e á sanidade) fronte a outros pobos veciños; coa hipocrisía de EE UU e outras potencias occidentais que condenan o Castrismo, pero manteñen excelentes relacións con outros réximes máis execrables (ditaduras americanas, China, Marrocos, Israel...); etc.

Teñen razón, todos eses argumentos son certos, pero négome a xustificar en Cuba o que condeno noutros países. Négome a aprobar para os cubanos o que non aceptaría para min. Os dereitos e liberdades son para todos e non debemos caer na
realpolitik, no pragmatismo e nas frías análises, que deixan de lado ás persoas fronte aos grandes ideais. O fin xamais debe xustificar os medios, sobre todo cando eses fins se transforman en propaganda ao servizo do poder.

Despois de case 50 anos, o Comandante 'ordena' que deixa o poder. Non pode ser moi san para un pobo que os seus gobernantes decidan cando deixan de mandar, sen que os cidadáns teñan nada que dicir, só asentir.

O meu desexo é que
os cubanos poidan no futuro establecer unha sociedade máis xusta, na que non caiban nin as ditaduras mesiánicas, nin o capitalismo salvaxe de Miami, e así Cuba se converta no auténtico mito dos que cremos que a utopía comunista pode ser unha realidade.

martes, 23 de febreiro de 2010

En tierra de nadie, de Danis Tanovic


En tierra de nadie é unha película sinxela, feita con poucos medios, pero foi quen de ser merecedora de recibir o Óscar a mellor película estranxeira no ano 2002. Un pequeno episodio, case unha anécdota, da guerra da antiga Iugoslavia no 1993, convértese en todo un compendio antibelicista sobre a estupidez humana. Non só a estupidez dos dous homes que podendo ser bos veciños se odian ata a morte sen saber porque, senón tamén a dos organismo internacionais, estúpidos e hipócritas, e a dos medios de comunicación que, como case sempre, fan do sufrimento humano un espectáculo para as masas, estúpidas tamén, incapaces de reflexionar, de razoar. Por que se matan? dá igual, o importante é que nos entreteñan, desde o noso sofá non se escoitan os berros de dor dunha realidade que papamos como ficción sen dar tempo a facer a dixestión.

Todo discorre unha trincheira en Bosnia, no no man’s land, pero pode trasladarse a calquera dos escenarios bélicos do pasado, do presente e, sen remedio, do futuro. Por que a guerra? en que mellorou a vida dos seus protagonistas? a ONU e outros organismos internacionais loitan realmente pola paz e por salvar vidas ou están só atentos a unha cínica política de poder e imaxe? e veraz a información que nos proporcionan os medios de comunicación? estamos dispostos a ser críticos respecto á realidade (falsa) que os políticos e outros centros de poder non ‘venden’ no supermercado da imaxe e os slogans baldeiros? podemos deixar de ser só consumidores de violencia para converternos en actores dunha imprescindíbel mobilización cidadá cara un mundo sen armas?

Todas estas e outras preguntas xorden mentres miramos este magnífico filme. É unha película (ás veces semella unha comedia), pero calquera parecido coa realidade non é unha coincidencia, senón que todo está fiado para chegar ao noso intelecto, a nosa conciencia?, non as nosas tripas.


Ficha para traballar en valores cos alumnos